Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza unha exposición sobre saúde e muller en Cuba

17 de novembro de 2015.- O Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración co Centro de Saúde de Burela convida á poboación da Mariña a visitar a exposición “Salud y mujer en Cuba” instalada dende o día 17 ao 26 de novembro de 8:00 a 15:00 horas, coincidindo co horario de atención do centro de saúde.

A exposición impulsada pola ONG MediCuba, encádrase dentro do proxecto de sensibilización e educación para o desenvolvemento “ Salúd, género y desarrollo social: desafíos y necesidades”, que dende o 2013 recorre múltiples localidades do estado español.

A exposición está composta por 21 fotografías a color de Judith Prat e 3 carteis de gran formato con información sobre a atención sanitaria en Cuba e sobre o proxecto citado.

Dende o Observatorio declaran “quixemos aproveitar a oportunidade para achegala á poboación da Mariña, pois entendemos que difundir un proxecto onde se pon de relevo a atención sanitaria prestada ás mulleres é visibilizar unha batalla social e ideolóxica que levamos a cabo millóns de mulleres no mundo aínda en pleno século XXI”.

E engaden que “as limitacións ao exercicio dos dereitos sexuais e dos dereitos reprodutivos continúan existindo por motivos políticos, financeiros ou relixiosos e afectan de forma máis forte e perniciosa ás mulleres, polo seu papel protagonista na reprodución e polas relacións históricas de desigualdade, exclusión e discriminación que se exerceu en contra delas nas esferas da vida pública e privada”.

Na organización da exposición colaborou co Observatorio da Mariña pola Igualdade, o propio Centro de Saúde de Burela que destaca entre o resto de centros da comarca, tanto na organización de actividades neste mes de novembro en relación coa violencia de xénero, como en outras cuestións relacionadas coa saúde que se prolongan ao longo do ano.

Exit mobile version