Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio, xunto co Concello de Muras, organiza unha homenaxe á mestra e pedagoga Antía Cal

O vindeiro sábado 28 de novembro o Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Muras organizan diversos actos co propósito de tributarlle homenaxe á mestra e pedagoga Antía Cal Vázquez na terra da que é orixinaria.

Antía Cal (A Habana, 1923), estudou Maxisterio, Peritaxe Mercantil e tamén Filosofía e Letras (Xeografía e Historia, en Santiago de Compostela). En 1961 fundou o Colexio Rosalía de Castro en Vigo, un espazo no que a igualdade e o recoñecemento á cultura galega eran pezas esenciais. Dito centro foi senlleiro en moitos aspectos: na metodoloxía empregada (Antía introduciu prácticas pedagóxicas progresistas, inspiradas na asociación catalá Rosa Sensat, en tempos de totalitarismo); en ser, xa na época, mixto; na educación plurilingüe (castelán, inglés… Durante a dictadura non era posible impartir aulas en galego, mais esta si era lingua de comunicación habitual fóra das aulas); na relación familia-escola… A pesar de ser un centro privado, ofrecía unha educación ao alumnado de todas as clases sociais, grazas a un pequeno sistema de bolsas creado dentro da propia escola.

Antía foi unha muller pioneira tamén noutros ámbitos: foi unha das primeiras mulleres universitarias na Galiza da ditadura; colaborou activamente no xurdimento da editorial Galaxia e preocupouse por achegar ao seu alumnado a figura de diversas personalidades galegas.

Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos renderlle unha sentida e pequena homenaxe a esta muller galega e é por iso que, xunto co Concello de Muras, organizamos diversos actos para o sábado 28 que se detallan a continuación e aos que convidamos a todas as persoas que o desexen:

– Ás 10.30h terá lugar a descuberta da placa co nome de Antía Cal no colexio de Muras.
– Ás 11h no local social:

• Mesa redonda “Educando iguais” na que teremos a oportunidade de coñecer a súa achega á pedagoxía na escola galega e ao feminismo das mans de Aurora Marco e de Antón Costa Rico, profesores da Universidade de Santiago de Compostela.
• Presentación dunha unidade didáctica sobre Antía Cal, material moi útil para empregar nos centros educativos e dar a coñecer a figura desta muller pioneira do feminismo galego a cargo da mestra Alba García Pico.
• Intervención de veciñas e veciños de Muras lembrando a figura de Antía.
• Entrega, por parte do Concello, do título de filla adoptiva do Concello
• Actuación musical de Mini e Mero.

Ademais, compartirase un xantar-homenaxe en Casa Cándida do Viveiró. Para o mesmo é preciso facer reserva nos teléfonos 982 500 001 ou 982 500 012 antes do mércores día 12. O custe do xantar é de 10€ por persoa.

Exit mobile version