Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo insístelle ao equipo de Goberno para que envíe á Xunta “de maneira inmediata” os informes que bloquean a residencia

Lugo, 28 de novembro de 2015.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo e voceiro do Grupo Municipal Popular, Jesús López Penabad, insístelle ao equipo de Goberno da localidade para que envíe os informes que bloquean que o Goberno galego poida conceder a axuda comprometida para a futura residencia.

Penabad asegura que onte quedou acreditado no Parlamento que mentres o alcalde non envía a documentación que se lle require ao goberno nacionalista o Goberno galego non poderá outorgar a subvención comprometida, por importe de 500.000 euros, polo que “é o rexedor o único que está entorpecendo e paralizando o proxecto”.

A Xunta corroborou onte no Parlamento que o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, segue a bloquear o futuro funcionamento da residencia ao non enviar os informes que se lle demandan desde a administración autonómica.

López Penabad pídelle ao rexedor que cumpra coas súas obrigas e faga chegar a documentación que a Xunta lle reclama “de maneira inmediata” e, de non ser así, que lles explique aos veciños e veciñas por que quere boicotear un proxecto tan relevante para o municipio.

Inmellorable disposición da Xunta
Os populares lamentan que, pese á boa disposición da Xunta, que tende a man para ampliar ata finais de 2016 o convenio de colaboración para construír a residencia, o Goberno local se dedique a poñer atrancos.

O Goberno galego xa ten confirmado que podería poñer 500.000 euros nun prazo de 2 meses desde que o Concello remita a documentación pendente desde fai 15 meses (o informe de non duplicidade e de viabilidade polo que a intervención municipal recoñeza que o Concello ten capacidade de xestionar e soportar economicamente a residencia).

Penabad subliña que por parte da Xunta todo é boa disposición e vontade de superar a situación de bloqueo actual, pero é o Concello quen segue enrocado en que non quere mandar os informes facendo unha interpretación da lei que a Xunta e dous informes xurídicos independentes desacreditan, conclúe.

Exit mobile version