Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Lugo presenta a súa candidatura ao 20D, que combina experiencia e renovación, para o cambio de ciclo en España

_PRA7287Lugo, 23 de novembro de 2015.- O PSdeG-PSOE de Lugo presentou este luns a súa candidatura ás eleccións xerais do 20 de decembro, que combina experiencia e renovación, e na que están representadas as zonas norte, centro e sur da provincia, para o cambio de ciclo en España.

O Presidente socialista da Deputación, Darío Campos Conde, salientou que “hoxe é un día importante nesta precampaña, pois presentamos o equipo que desde a provincia de Lugo liderará o proxecto que os socialistas temos para España. Presentamos unha candidatura que combina experiencia e renovación, e con representación de todas as zonas, dende a Mariña a zona Sur e, por suposto, Lugo”.

“Unha candidatura que conta coa experiencia de persoas cunha grande traxectoria no PSOE e nas institucións, como Margarita Pérez Herraiz e Ricardo Varela, número un ao Congreso e ao Senado, respectivamente. Unha candidatura renovada, pois contamos con mozos de entre 25 e 29 anos, con novos ideas e con moitas ganas de traballar para consolidar o proxecto socialista en España. É o caso de Iago Fernández, número 2 ao Congreso. Un mozo de 25 anos e do Valadouro; de Rodrigo Pavón, número 4 ao Congreso, un rapaz de 29 anos, de Vilalba e Secretario Xeral de Xuventudes en Vilalba; ou de Darya Fernández, número 2 ao Senado, unha moza de 25 anos que se converteu, con tan só 18 anos, na Secretaria Xeral máis nova dunha agrupación local, como é a de Becerreá, onde segue a ser a súa responsable”.

“Este equipo de homes e mulleres, de todas as idades e profesións, van a defender os intereses dos lucenses no Congreso e no Senado: a creación de emprego de calidade, a recuperación dos servizos sociais, o impulso dos nosos sectores produtivos, como o sector lácteo ou a pesca, así como a mellora das comunicación viarias, para que Lugo deixe de ser a provincia abandonada por excelencia. Esta candidatura pretende recuperar para Lugo as políticas sociais e de defensa dos dereitos e das igualdades dos gobernos socialistas de Felipe González e Rodríguez Zapatero, ás que tanto dano fixo Rajoy durante estes últimos 4 anos”.

“Temos un programa real e crible a diferenza doutros”
Darío Campos engadiu que “este cambio de ciclo cara o progreso só posible co apoio a Pedro Sánchez e ao PSOE, pois, a diferenza doutras formacións, contamos cun programa de goberno real, crible e que se pode levar a cabo”.

Porque a dereita, por moito que se vista de laranxa, en dereita se queda
Neste senso, a Alcaldesa socialista de Lugo, Lara Méndez, remarcou a “importancia” desta cita electoral, “pois xogámonos que se produza o cambio de ciclo en España. E só hai dúas opcións: que continúe a dereita ou que goberne o PSOE para seguir avanzando na sociedade. Porque a dereita, por moito que e vista de laranxa, dereita se queda”.

“Oportunidade para cambiar”
O candidato ao Senado, Ricardo Varela, destacou que “os socialistas encaramos estas eleccións xerais ilusionados, con ganas e con forza, porque nos move o sentimento de que temos unha oportunidade para cambiar o que parou durante este 4 anos a dereita”.

“Rajoy, o enterrador do Estado do Benestar”
“O PP durante estes últimos 4 anos fixo un axuste de contas ao Estado de Benestar e á vocación permanente da dereita. E nesta ocasión atopou unha coartada; unha desculpa coa situación económica, para facer iso que quixo facer sempre. Seguramente, a Rajoy, cando lle preguntaban de pequeno o que quería ser de maior, el dixera enterrador do Estado de Benestar, case con toda a seguridade; e está en iso”

“A situación económica podíase remontar doutro xeito, solidariamente”
“Porque non e certo o que trata de trasladar o PP, de que o a situación pola que vimos deste 4 últimos anos viña derivada por unha mala situación económica. Efectivamente, era unha mala situación, había que remontala, e podíase facer de moitos xeitos. Poderíase facer solidariamente, distribuíndo as cargas no conxunta da poboación ou, como fixo o PP, repartindo as cargas nos mais débiles da poboación. As cargas nos salarios dos traballadores, nos maiores, nos desempregados… Eses foron os que pagaron a recuperación que chama o PP. Pero di o dicionario que recuperar é volver a ter aquelo que se perdeu e, polo tanto, mentres os cidadáns non volvan a recuperar becas; a sanidade; as axudas ao desemprego, os empregos.. non haberá recuperación. Porque a recuperación real soamente vén da recuperación das persoas, non da de algúns grupos privilexiados. Nós trataremos de loitar para que haxa unha recuperación real dos dereitos perdidos durante estes 4 anos”.

“Ciudadanos e Rivera é o cinto de seguridade de Rajoy”
“Votar ao PP e máis do mesmo, é seguir 4 anos máis cas políticas de inxustiza e desigualdade que nos trouxo o PP. Hai outras opcións políticas que tamén son máis do mesmo. Ciudadanos e Rivera é o cinto de seguridade de Rajoy para que non sexa expulsado o 20 de decembro. Por iso, debemos ter claro que hai operacións da dereita económica para que siga gobernando a dereita política, aínda que o PP poida perder posicións electorais. E niso non nos podemos deixar enganar”.

“A única posibilidade de cambio real é o PSOE”
“A única posibilidade de cambio real pasa por un goberno do PSOE, que é o que historicamente sempre trouxo as liberdades e os dereitos para os cidadáns. Aquí en Lugo hai cómplices necesarios para que esta situación se teña producido. O señor Barreiro é cómplice de que Lugo este fóra do tren de alta velocidade, de que os nosos gandeiros cobren o prezo máis baixo por litro de leito do estado, da parálise das infraestruturas postas en marcha polo PSOE, de que os nosos rapaces non teñan becas para estudar, e que os nosos rapaces teñan que quedar na casa sen poder acceder a universidade, como pasaba hai 40 anos; de que os nosos maiores estean pagando as súas medicinas, de que no noso hospital non haxa hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, e o silencio cómplice do Partido Popular de Lugo que nunca loitou por esta provincia nin na administración do estado nin na de Galicia. Imos loitar contra esa dereita de España, e ca de Lugo, que ten sempre a nosa provincia esquecida e sempre de lado. Isto é o que imos facer durante a campaña, imos a tratar de explicalo con tranquilidade e con verdade e ímoslle dicir aos cidadáns que temos unha oportunidade e que non podemos perder”, sentenciou Ricardo Varela.

Perfil dos candidatos ao Congreso
1.- Margarita Pérez Herraiz. Naceu en Lugo en 1955. Graduada social diplomada e funcionaria dos corpos xerais da Xunta. É militante do PSOE dende 1977. Tivo responsabilidades na executivas locais e nacionais. Foi membro do Comité Nacional galego entre 1992 e 2013 e do Comité Federal entre 2008 e 2012. Foi Deputada autonómica entre 2001-2005 e é Deputada nas Cortes.

2.- Iago Fernández Peña: Ten 25 anos e é do Valadouro. É Técnico de Emerxencias Sanitario e traballa no servizo de transporte de urxencias 061. Con tan só 18 anos, decidiu afiliarse ao PSOE. Hoxe é o Secretario de Organización da agrupación socialista no Valadouro. É a primeira vez que concorre a unhas eleccións xerais, así como a primeira vez que o fai nos primeiros postos dunhas listas do PSOE, pois nas municipais de 2011 e 2015 fíxoo nos últimos postos ou de suplente.

3.- Marta Jato Díaz: Naceu en Lugo en 1967. Licenciouse en Medicina e Cirurxía, e é especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, así como en vacinas. Ten Máster en Saúde Pública e en Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias. Traballa no Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Lucus Augusti. Milita no PSOE dende hai máis dunha década. É a Secretaria de Organización da agrupación local de Lugo.

4.- Rodrigo Pavón Prieto. Ten 29 anos. É de Vilalba e avogado. No 2013, afiliouse ao PSOE e pasou a ser membro da Executiva Local de Vilalba. Ese mesmo ano, conseguiu retomar as Xuventudes Socialistas neste Concello chairego. Nos pasados comicios municipais, foi de número 4 na listaxe dos socialistas polo municipio vilalbés. Estrease como candidato ás eleccións xerais.

Os suplentes son: Julia García Prado; Jesús Vázquez Tallón; Marina Ramudo Graña; José Ángel Rico Álvarez.

Perfil dos candidatos ao Senado
1.- Ricardo Jacinto Varela Sánchez: Nace en Lugo en 1955. Foi Deputado autonómico entre 2001 e 2005, Conselleiro de Traballo de 2005 ao 2009, ademáis de membro do Consello Galego de Relación Laborais e do Consello Económico e Social de Galicia. É Senador.

2.- Darya Fernández Gómez: Ten 25 anos, é de Becerreá e estuda Medicina. Afiliouse ao partido con tan só 18 anos e foi elixida Secretaria Xeral da agrupación de Becerreá, converténdose na persoa máis nova de España en asumir esta responsabilidade, que mantén na actualidade.

3.- Manuel Dacosta Ribera: Naceu en 1959 en Barcelona, pero en 1985 trasládase a Pantón, onde nacen seus pais e onde vive dende entón. É empresario. Milita no PSOE dende 2006. É Secretario Xeral da agrupación local de Pantón. É a primeira vez que concorre nas listas das eleccións xerais.

Os suplentes son: Horacio Rouco Ferro, Isabel González Blanco, Maria José Vales Garaloces, Miguel Vilar Rivas, Pablo Núñez González e María Sol Morandeira Morandeira.

Exit mobile version