Site icon Crónica3.com A Mariña

Os membros de Espazo apoiarán á coalición En Marea pero o colectivo político non participará das súas estruturas

Compostela, 6 de novembro de 2015.- Reunido o Consello Dinamizador de ESPAZO para avaliar o proceso de artellamento dunha candidatura de Unidade Popular para ás próximas eleccións xerais do 20 de decembro fai público o seguinte posicionamento:

Na súa III Asemblea Nacional (celebrada o pasado 3 de outubro) ESPAZO aprobou apostar como colectivo por unha candidatura de Unidade Popular para as próximas eleccións xerais que dera continuidade ao proceso iniciado por AGE no 2012 e sobre todo polas mareas municipalistas en maio deste ano.
Tratábase de conxugar catro cuestións centrais:

– Que se construíra un relato democrático que partira do 15M;

– que constituíndose nun suxeito galego formara parte do proxecto de cambio que se esta a construír no estado;

– que estiveran os mesmos actores que estiveron presentes nas municipais (os nosos aliados destes anos);

– que seguira afondando en graos de participación cidadán.

2. Con estes criterios estivemos participando desde o primeiro momento do Foro pola Unidade Popular coa marea.gal e outras 6 organizacións políticas. Fixémolo, como colectivo político na idea de colaborar nunha definición o máis transversal no político (sendo consciente de que o fin de réxime esixe a unidade democrática -non so a de esquerda ou nacionalista-) e transfronteirizo na súa composición (entendendo que eran tres os piares que tiñan que co-partillar dito proxecto: partidos e colectivos políticos, mareas municipalistas e organizacións cidadáns).

3. Saudamos como un paso necesario a declaración conxunta presentada en Mazarelos por Anova, EU e Podemos, de igual xeito que valoramos positivamente a existencia do Encontro por unha Marea Galega ou a constitución dun Foro pola Unidade Popular.

4. Sabemos do complexo que é cooperar entre diferentes e por iso entendemos todas as dificultades que se poidan referenciar. Non obstante, observamos durante este proceso, demasiadas inercias da vella política que teñen sido limitadoras á hora de expresar o resultado final do acordo de coalición:

– valoramos o esforzo realizado por Anova, EU e Podemos para achegar posturas e facer unha formula de consenso;

– lamentamos que as mareas municipalistas urbanas non abordaran de xeito activo desde un primeiro momento a construción no proxecto co fin de converterse nun contrapeso necesario para as dinámicas partidarias;

– constatamos a debilidade do músculo cívico fundamental nun proceso de cambio profundo, sobre o que os partidos deberían reflexionar, pois en boa parte son responsables.

5. Por todo isto, os membros de ESPAZO apoiarán á coalición EN MAREA pero o colectivo político non participará das súas estruturas, polo de agora. Non ten sentido participar en órganos políticos que deben ter unha maior presenza das mareas cidadanistas cando, ademais, non imos poder participar da coalición xurídica. Esa experiencia xa a tivemos en AGE e non queremos repetila pois nin nos aporta nada como colectivo nin mellora a calidade das nosas aportacións (lembrar que xa no seu momento abandonamos os órganos de AGE e de AGEe)

6. ESPAZO estará pendente de como se desenvolvan os próximos pasos. Unha proba importante para a coalición será a pluralidade, capacidade e o carácter social das candidaturas. Igualmente será decisivo a consolidación, ou non, dun espazo político que vaia máis aló da cita electoral. A súa unidade parlamentar, financeira e organizativa indicarán se estamos diante dunha nova etapa en consonancia co proceso aberto nas municipais ou se estamos soamente diante dunha nova coalición que estea en cuestionamento en cada cita electoral.

7. Por último, ESPAZO entende que tras o 20 de decembro, consígase ou non o reto de ter unha maioría para gobernar, o proceso de reconstrución da esquerda nacional continua e diso deberían tomar nota todos os axentes políticos e sociais. Desde ESPAZO seguimos apostando pola cooperación política pero tamén por confluencias orgánicas que permitan construír a esquerda galega do século XXI.

Exit mobile version