Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas censuran a pasividade do goberno galego fronte á situación “inviable” da flota de volanta

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2015.- O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, denunciou este martes o “desleixo” do goberno galego fronte á difícil situación da flota da volanta que se dedica á pescada. No debate dunha pregunta oral na Comisión de Pesca, advertiu que a escasa cota de pesca, entre 30 e 35 toneladas anuais por barco, é inviable e os sitúa “rozando a ilegalidade” para poder subsistir.

O responsable socialista sinala que o sistema de reparto individual, que distribúe o 50 por cento lineal, o 25 por cento segundo criterios históricos e outro 25 por cento segundo os tripulantes obriga aos buques galegos a “mentir nos desembarques”. Denunciou a falla de iniciativa do goberno galego para cambiar esta situación en beneficio da flota galega, mantendo un incomprensible silencio cando “tiñan que defender mais reparto”.

Dixo que “clama ao ceo” que “veñan esgrimir agora como logro unha xuntanza cos representantes de 42 barcos –acampados fronte a San Caetano- dunha flota que vive os seus peores momentos” logo de telos acusado de “non ser capaces de xestionar 33 toneladas de pesca”. Acusounos de “fuxir das xuntanzas, nin asesorar, nin informar nin facer absolutamente nada agás culpar a gobernos pasados e ao propio sector”.

Val sinala que a cota actual “apenas lles dá para poder cubrir os custos da embarcación”, mentres a Xunta permanece “impasible, incapaz de abordar o problema e poñerse á fronte en busca de solucións que permitan garantir unha vez máis a presenza da nosa flota nos caladoiros e o mantemento do emprego no mar”.

Exit mobile version