Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo desminten as “falsedades” de García Caramés, a quen consideran “moi mal informada”

Cervo, 19 de novembro de 2015.- Os socialistas de Cervo non dan crédito ás últimas declaracións vertidas nos medios de comunicación pola Concelleira de Cultura, Educación, Xuventude e Facenda, Dolores García Caramés e remiten á última nota de prensa na que “explicamos o porqué do noso voto en contra aos orzamentos para 2016. Son unha contas que seguen sen ser instrumento fundamental de redistribución dos recursos entre os veciños, que se esquecen de calquera política social que axude a combatir a situación económica pola que atravesan a día de hoxe moitas familias cervenses e obvian políticas básicas para reactivar a economía local e afrontar o desemprego no noso municipio”.

Ante isto, dende o Grupo Municipal Socialista, sorpréndese de que precisamente “a edil García Caramés fale dun pleno seguindo directrices dos seus compañeiros do Partido Popular, xa que non estaba presente, daquela non pertencía ao goberno e quizais nin lle preocupasen estes asuntos”.

Os socialistas apuntan que “para que non a sigan traicionando con mentiras e hipocresías, se colle a acta 1/2014 do pleno ordinario do día 17 de marzo de 2014 poderá comprobar que foi o GMS quen presentou unha moción na que instábamos á Xunta de Galicia, con competencias na materia, para a elaboración dun Plan de Emprego para o noso Concello e foi o propio goberno municipal quen presentou unha emenda de substitución a esta moción derivando o asunto á un Plan de Emprego da Deputación de Lugo para o que o Concello de Cervo non cumpría as bases. Coma sempre, facendo gala do seu talante democrático, o goberno do PP de Cervo evitou debatir a proposta aprobando directamente o que lles veu en gana, o que nos motivou a votar en contra desta emenda artimaña non do Plan de Emprego que nós propoñíamos”.

Aclarado este primeiro punto, dende o GMS lamentan que “se siga un guión do bos e bonitos que son estes presupostos sen contestar a ningunha das nosas preguntas. Se non entende a explicación do noso voto en contra, agardamos que os compañeiros do PP que lle apuntaron todas estas falsedades, lle expliquen a nosa postura sen ningún tipo de demagoxia”.

Emerxencia Social
En canto á execución da partida destinada a emerxencia social, os socialistas insisten en que “por favor se fale sabendo do que se fala. Os últimos anos, non se destinou nin un só euro a este asunto, pois a partida quedou sen executar. Lóxicamente, para valorar as actuacións nesta materia durante este ano vixente, debemos agardar á vindeira liquidación dos orzamentos”.

Caixón de xastre
Os socialistas agradeceron a certeza da concelleira García Caramés ao falar de “partidas destinadas para algunha axuda imprevista de última hora. O que nos vén a dar a razón cando falamos de que os títulos adicados a gastos diversos responden a un caixón de xastre sen previsión algunha”.

Por último, os membros do GMS fixeron referencia a que “a asociación veciñal á que pertence o noso voceiro non pediu ningún tipo de axuda. Se non todo o contrario, pediu un permiso de obra para o adecentamento do camiño dos Currás na Senra e a colocación de barandas na Rúa Igrexa e Rúa das Lobeiras, obra que debería ter feito o Concello e non fixo. Quizais teñan remordementos de conciencia por cobrar, aínda por riba, este permiso a un colectivo de veciños. Esa é a realidade”

Remataron matizándolle, unha vez máis, a García Caramés que “o voceiro socialista xa era veciño, xa estaba empadroado no Concello de Cervo moito antes de que ela mesma nacese e o seu status, dende aquela e ata o día de hoxe, non cambiou mal que lles pese”.

Exit mobile version