En tempos de dificultade económica a Xunta foi quen de impulsar iniciativas que outros Gobernos non promoveron en tempos de bonanza: Na primeira lexislatura promoveuse a revisión do plan funcional, que supón un estudo de necesidades do actual centro, licitouse, adxudicouse e redactouse o Plan director, o documento técnico que di como vai a ser o futuro centro e sacou a concurso –o setembro pasado- a redacción do proxecto construtivo e a execución da obra pola que se teñen interesado once grandes empresas construtoras.
Este sempre foi un proxecto no que creu o PP pero non as forzas políticas da oposición. Ata tal punto é así que, unha vez máis, PSOE e BNG decidiron absterse e AGE votar en contra da iniciativa no Parlamento. É habitual ver como a oposición se comporta dun xeito desleal co Hospital da Costa. Esta mesma oposición que chegou a dar por feito e peche do centro, a súa transformación nun simple ambulatorio, a alertar sobre que os nenos terían que nacer de camiño a Lugo como fai máis de 30 anos acontecía. Nada máis lonxe da realidade.
A deslealdade da oposición nunca foi un obstáculo para que o PP siga con rumbo fixo traballando por facer realidade a ampliación, e non o será tampouco nesta ocasión. Agora, polo menos, todas as forzas políticas recoñecen a necesidade de remodelar o centro e o positivo das obras que, por valor de 2,2 millóns de euros, a Xunta executou durante as dúas últimas lexislaturas do Partido Popular.
Lonxe de perder servizos o Hospital da Costa gañou en novas prestacións como a posta en funcionamento da sala de tratamentos de quimioterapia para enfermos de cancro, o servizo de hospitalización a domicilio, adquiríronse novos ecógrafos, dotouse dunha segunda sala de endoscopias, dunha unidade fixa de seguimento do cancro de mama, reformáronse os quirófanos e dotáronse de novos equipamentos de anestesia e remodelouse a área de maternidade e a zona de urxencias, rampla e cuberta…
Con todo o máis importante é que en 2016 a Xunta destina unha partida de 1,8 millóns de euros para iniciar as obras. Unha cantidade suficiente para acometer estes traballos segundo a planificación que os técnicos programaron para facer compatible as obras co funcionamento normal do centro. Será unha primeira fase que se prolongará por tres anos e durante os que a Xunta ten habilitado crédito suficiente para ir pagando as obras segundo se executen. Hoxe podemos dicir con seguridade que estamos a un paso, da tan esperada ampliación e remodelación do centro hospitalario público da Mariña lucense.