Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias, na súa visita a San Cibrao, apela á sensibilización e á educación como armas fundamentais na loita contra a violencia de xénero

261115 xornada mulleresLugo, 26 de novembro de 2015.- A delegada territorial, Raquel Arias, participou na tarde deste xoves nas Xornadas contra a violencia de xénero que a asociación Mulleres en Igualdade Cervo organizou na Casa da Cultura de San Cibrao, desde onde condenou calquera tipo de violencia contra ás mulleres.

“A concienciación e a educación”, dixo a delegada durante a súa intervención, “xogan un papel fundamental na loita contra a violencia machista, e temos que asumir que queda moito por facer ao respecto porque aínda hai mozos que están a reproducir roles que considerábamos superados. A solución, polo tanto, é educar en valores de igualdade”.

“Hai que lograr unha repulsa xeneralizada a este tipo de comportamentos”, recalcou, “non só nos días de loito pola lamentable perda dunha muller a mans da súa parella ou exparella, senón todos os días do ano, porque a erradicación da violencia de xénero é un problema que depende da sociedade no seu conxunto”.

Arias tamén informou de que “a Xunta pon a disposición das vítimas de agresións machistas axudas económicas e servizos de apoio, fundamentalmente psicolóxico, para que as mulleres que sofren esta clase de violencia teñan amparo e poidan sobrepoñerse sen depender economicamente dos seus agresores”. En Galicia, este ano, son 372 as beneficiadas por algunha subvención deste tipo.

No ámbito da concienciación, a Xunta de Galicia lanzou diversas campañas institucionais que, segundo explicou a delegada, “son necesarias” para que a poboación sexa realmente consciente do gran problema social que representa a violencia de xénero.

Colaboración e coordinación
A colaboración e coordinación das institucións e axentes implicados na prevención e tratamento da violencia contra a muller, así como na atención ás vítimas, son moi necesarias. Segundo destacou a delegada, “é especialmente importante que a axuda chegue desde o entorno máis próximo”.

Nos orzamentos do vindeiro ano contémplase unha partida de axudas destinadas aos municipios para que financien medidas e actuacións dentro dos programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

“Coido que todos estamos de acordo en que o ámbito municipal e o máis próximo aos cidadáns e, en consonancia, é o que mellor coñece a situación específica da súa poboación. Polo tanto, tamén é o ámbito idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social”, explicou a delegada da Xunta.

Nesta liña de colaboración e proximidade, Arias tamén calificou de “avance importante” a recente presentación da Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. Servirá de base para a creación e posta en funcionamento das Mesas Locais de Coordinación, un instrumento co que mellorar a detección precoz dos casos de violencia, optimizar a coordinación dos axentes implicados e ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas. “Todo”, dixo a delegada, “en aras de mellorar en axilidade e eficacia”.

A delegada reiterou a necesidade de traballar coordinados e puxo como exemplo os acordos subscritos co Ministerio do Interior, que permitirán a integración do Punto de Coordinación de Ordes de Protección da Xunta co sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero (VioGén) do Estado, así como a colaboración entre a Xefatura Superior de Corpo Nacional de Policía en Galicia e a Policía Autonómica.

Exit mobile version