Nesta liña, o conselleiro subliñou a importancia dunha estratexia de prevención da dependencia que guía “boa parte das nosas accións co obxectivo de reducir a distancia entre a esperanza de vida e a esperanza de vida libre de dependencia”. Precisamente, para o fomento do envellecemento activo e da autonomía dos maiores, Galicia conta cun Plan rexional de Persoas Maiores 2010-2013, horizonte 2015, cuxa actualización e renovación será aprobada proximamente no Consello da Xunta.
Efigenia, veciña do Valadouro, é usuaria dun dos programas promovidos pola Consellería de Política Social: Xantar na Casa. Rey Varela resaltou a importancia desta iniciativa que ”mellora a calidade de vida de moitas persoas maiores ou dependentes e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno familiar e comunitario e retardando ou evitando a institucionalización”.
En canto ao funcionamento do programa, que beneficia a maiores de 60 anos, os usuarios reciben un día a semana a visita do repartidor que lles entrega os xantares para os seguinte sete días envasados en barquetas individuais termoseladas. Os menús, completos e equilibrados, inclúen primeiro prato, segundo prato e sobremesa e se adaptan ás necesidades das persoas beneficiarias.
O prezo de cada menú é de 6,99 euros. No seu financiamento participa a Xunta de Galicia, que achega 3,25 euros de cada menú a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; o concello no que se presta o servizo, que achega 1,87 euros; e a persoa beneficiaria, que aportará os restantes 1,87 euros.