Site icon Crónica3.com A Mariña

Sr. Alcalde: entregue os informes

Alba Rodil.- Fai non tanto tempo o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amosaba a súa satisfacción porque varias administracións, colaborando ente elas, asumían o compromiso de impulsar a nova residencia de Ribadeo. Naquel momento era todo falar, aparecer a cotío nos medios de comunicación, dando mostran dunha incontinencia verbal moi habitual cando o asunto é do interese do rexedor nacionalista.

O alcalde apostaba por un modelo peculiar, distinto ao doutras localidades: rexeitou á oferta da Xunta para financiar cada ano o concerto da maioría das futuras prazas, e preferíu unha axuda única para financiar a construción do edificio, obra na que están dispostos a colaborar a Deputación de Lugo –co bipartito e co PP- e a Xunta de Galicia, neste último caso achegando 500.000 euros.

Pero aquí comezan os problemas: a Xunta para financiar esta obra está obrigada -por lei- a requirir que o Concello presente varios informes: un de viabilidade no que se acredite o xeito de xestionar e manter a futura residencia e outro de non duplicidade. O alcalde recoñece que ten que achegar estes informes, pero discute o momento no cal debe facelo. Suárez asegura que debe facerse cando a residencia estea a piques de abrir e a Xunta mantén que debe facelo xa, para xustificar esa achega de diñeiro público que debe destinarse a un fin concreto.

Quince meses leva agardando a Xunta por estes informes, o mesmo tempo que o Alcalde leva bloqueando a chegada de 500.000 euros como si neste concello sobrasen os cartos, poñendo en risco esta colaboración. Agora sabemos, ademais, que dous informes xurídicos independentes avalan a petición da Xunta, desmentindo a posición do Alcalde que, curiosamente, sobre todo este garda un sospeitosísimo silencio.

Observando todos feitos, con certa perplexidade, moitos veciños de Ribadeo non podemos deixar de facernos a seguinte pregunta: Se o alcalde recoñece que eses informes son necesarios ¿por que non os manda xa? ¿É mellor poñer en risco a achega dos 500.000 euros? ¿Vamos a perder a colaboración da Xunta por un empezinamento de Suárez Barcia?

Como din na fala popular: a pelota está no tellado do Sr. Alcalde, que non pode seguir mantendo a calada por resposta, nin negar unha documentación que máis pronto que tarde terá que poñer sobre a mesa. O atranco é sinxelo solucionar pero para iso se necesita vontade.

Se ningún partido político dubida que a residencia é necesaria, non pode levar 15 meses bloqueada polo interese partidista dun señor que parece obsesionado en confrontar coa Xunta, ata o punto de interpretar ao seu antollo o que di a lei. Ribadeo está por riba de disputas partidistas. Sr. Alcalde: entregue os informes.

Alba Rodil García.

Exit mobile version