Todos os que esta tarde recibiron estas axudas cumpren cos requisitos das bases, entre os que están cursar estudos que non se impartan en centros do municipio, non superar un determinado nivel de ingresos ou ser menor de 30 anos. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Dolores García, fixeron entrega destes cheques aos alumnos e alumnas nun acto que tivo lugar na Casa do Concello esta tarde.
Estas axudas únense ás outras liñas de apoio á educación que ten activas o goberno local de Cervo; un exemplo son as subvencións ás entidades educativas, como os colexios e institutos, e ás asociacións de nais e pais de alumnos. Pero tamén hai outras axudas para as familias, como as de material escolar e libros para o segundo ciclo de Infantil.
“Desta maneira o Concello mantén o seu compromiso con todos os colectivos implicados na educación dos cervenses, co obxectivo de colaborar con todos eles na dinamización e mellora do ensino, complementando as accións das entidades e axudando ás familias á hora de afrontar os gastos derivados da formación dos seus fillos”, manifestou Dolores García.