Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Viveiro felicita á organización do Resurrection Fest polo seu traballo e reivindica a figura de Melchor Roel como apoio do festival

Viveiro, 11 de decembro de 2015.- A organización do Resurrection Fest está dando a coñecer, pouco a pouco, o nome das 80 bandas que actuarán no festival o vindeiro ano. Tras o anuncio de The Offspring ou Volbeat, entre outras, o pasado mércores deron a coñecer o nome da banda que encabezará o cartel, Iron Maiden. Como alcaldesa, quero felicitar publicamente á organización polo seu traballo, por conseguir ano tras ano que as mellores bandas deste estilo de música acudan a Viveiro e, en concreto, polo gran cartel da próxima edición. O Resurrection Fest está plenamente consolidado como un referente mundial e a proxección que Viveiro consegue a través do festival é innegable; miles e miles de persoas de todos os países do mundo acoden cada ano a Viveiro, incrementándose o número de visitantes tras cada edición, e o seu impacto económico tanto en Viveiro como no resto da Mariña é importantísimo.

A presenza de bandas desta calidade no noso municipio debe facernos reflexionar e valorar a importancia e relevancia do Resurrection Fest, que conta, dende a súa orixe, co apoio importante do Concello de Viveiro. Pero nestes momentos debemos valorar, sobre todo, á primeira persoa que apostou polo éxito deste festival, debemos lembrar a Melchor Roel e agradecer que no seu momento crese firmemente neste proxecto; sen Melchor Roel e o apoio incondicional que lle brindou dende os inicios, o Resurrection Fest non existiría tal e como hoxe o coñecemos.

Quero, en definitiva, reivindicar o lugar que a anterior alcalde de Viveiro ocupa neste festival; felicitar á organización polo gran cartel do próximo e animar a todos seguidores deste tipo de música a que nos visiten na XI Edición do Festival Fest.

Exit mobile version