O número de solicitudes recibidas por parte de asociacións culturais é semellante ao recepcionado en convocatorias anteriores, superando as 500 solicitudes.
Nesta ocasión, concedéronse un total de 566 subvencións a entidades culturais, entre as que se repartirá un total de 400.000 €. Para a promoción e realización de actividades culturais anuais, un total de 301 entidades percibirán ate un máximo de 8000 € e para a celebración de eventos culturais 298 asociacións recibirán, cada unha, un máximo de 6000€.
Tal e como explicou Xosé Ferreiro, Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, “trátase dun total de 566 axudas a entidades culturais, unha cifra elevada que demostra o compromiso da Área que represento coa cultura de base. Desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo temos claro que o asociacionismo é un piar fundamental na participación social e que a cultura non pode construírse a base de meros espectadores, senón que precisa da implicación da sociedade no proceso de produción da mesma, daí a importancia que damos ao apoio ao asociacionismo cultural de base”.
En relación coas solicitudes de axuda para investimentos, equipamentos culturais e gastos correntes, derivados da realización de actividades culturais organizadas polos concellos lucenses supérase, un ano máis, o centenar de peticións. Así, a Área de Cultura recibiu un total de 57 solicitudes para investimentos e adquisición de equipamentos culturais ás que se destinará un total de 80000€, e 59 solicitudes de subvención para os gastos correntes en actividades culturais, aos que se dedicará un total de 60000€. Neste sentido, Xosé Ferreiro insistiu en que “é fundamental que os Concellos sexan motores da promoción e realización de actividade cultural”.
O Delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, quixo aclarar que “durante os 4 meses do goberno anterior, o proceso de adxudicación destas subvencións foi paralizado. Esta é a razón da resolución tardía das mesmas, posto que cando asumin a responsabilidade de dirixir a Área de Cultura os expedientes destas subvencións atopáronse tal e como os deixara o equipo de goberno nacionalista anterior. Por iso nos puxemos a traballar axiña, pois sabemos que estas subvencións son vitais para que moitas asociacións, ao igual que os concellos, na nosa provincia poidan manter a súa actividade cultural”.
Aprobadas as bases para a participación das artesás e artesáns no mercado de Nadal “FEIREANDO”
Por último, o nacionalista Xosé Ferreiro anunciou tamén a aprobación das bases para participar no mercado de Nadal que, baixo o nome de “FEIREANDO”, a Área de Cultura da Deputación de Lugo está a organizar desde o Centro de Artesanía e Deseño. Trátase dun mercado co que se quere poñer en valor a artesanía galega e que se completará con moi variadas actividades que se están a preparar por parte da Área que dirixe Ferreiro dentro da programación do Nadal Cultural 2015. Prevese que as bases para participar en “FEIREANDO” saian publicadas no BOP nos vindeiros días e a participar nesta feira están chamados todos os artesáns e artesás dando preferencia ás e aos da provincia de Lugo.