Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación garante a rede pública de residencias e centros de día co consello de administración de Suplusa

Lugo, 7 de decembro de 2015.- A Deputación garante a rede pública de residencias e centros de día co novo consello de administración de Suplusa, que foi nomeado este luns. Pois o grupo provincial socialista, promotor deste proxecto, mantén a presidencia do órgano e, polo tanto, o voto de calidade do Presidente; e o grupo provincial popular, que reiteradamente votou en contra dos centros para maiores, como é o caso do de Guitiriz na Casa da Botica, así como que a Xunta concerte prazas públicas, non conseguiu a maioría que buscaba. “É un resultado moi satisfactorio”, destacou García Porto.

Por unanimidade, Darío Campos Conde foi nomeado Presidente deste órgano. Co obxectivo de que todos os Deputados tivesen representación no consello de administración de Suplusa, o propio Campos Conde propuxo que o Deputado non adscrito formase parte do mesmo. Esta proposta foi aprobada por unanimidade. Xunto con Manuel Martínez, os representantes dos 3 grupos políticos nomeados son Pilar García Porto (PSOE); Xosé Ferreiro (BNG) e Elena Candia (PP). Polo tanto, 5 Deputados son os que foron directamente nomeados.

Posteriormente, nun exercicio de responsabilidade, co obxectivo de garantir a gobernabilidade de Suplusa e acadar acordos que permitan a continuidade da rede pública de centros para a terceira idade, Campos Conde propuxo que Manuel Martínez fose o Vicepresidente deste órgano, pois este Deputado, a diferenza do PP, nunca se opuxo a ningún dos centros que contempla este proxecto. A proposta saíu adiante cos votos en contra do BNG.

A este respecto, a vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, explicou que “é importante entender que temos que cambiar as fórmulas para garantir a gobernabilidade deste Executivo Provincial e acordos cos que continuar os proxectos que iniciamos en mandatos anteriores e que ratificaron os lucenses. Temos que ser responsables e ter altura de mira”. Preguntada sobre o “esperpento” que apunta o Partido Popular, García Porto apuntou “o PP vén á Deputación a facer películas e escenas. Nós a gobernar e a traballar. E nisto estamos e estaremos. Non vamos a entrar no seu circo mediático”.

Pola súa banda, o voceiro provincial do BNG, Xosé Ferreiro explicou que “entendemos que o Presidente busque chegar a acordos e defendemos que, dada a nova situación política da Deputación, hai que buscar puntos de entendementos para levar a cabo os proxectos que temos en marcha. Con todo, en base a proporcionalidade, non podemos votar a favor de que un Deputado non adscrito sexa o Vicepresidente, ao igual que tampouco o debería un membro do BNG, pois somos 2 Deputados”.

Sen proporcionalidade e por imposición
Son 4 os membros do consello de administración que se elixen entre os 25 Deputados da Corporación Provincial. Non se cumpriu coa proporcionalidade que todos os Deputados din defender, porque os 12 do Partido Popular e o non adscrito impuxeron que fosen 1 do PSOE e 3 do PP, descartando, polo tanto, a proporcionalidade de 2 do PSOE e 2 do PP, que propuxeron os restantes Deputados.

Os membros elixiron resultaron ser: María Loureiro (PSOE); José Ulla (PP); José Antonio García (PP) e Manuel González Capón (PP). Ao respecto, Xosé Ferreiro apuntou que “hoxe 13 Deputados alteraron a proporcionalidade que durante tempo, en todos os Plenos, dixeron defender. É evidente, que empregan argumentos de xeito demagóxico. Imaxínense o que farían no caso de xestionar cartos públicos”.

Exit mobile version