13 de decembro de 2015.- A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde este luns, día 14, unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores.
Durante toda a semana, ata o domingo día 20, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo nas vías galegas. Tamén se potenciará a colaboración cos concellos para efectuar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
A Delegación do Goberno recorda que o alcohol é un factor concurrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias.
No ano 2014, as análises toxicolóxicos realizados a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que, deles, un 39,09% presentaba unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que crece nunhas décimas, ata o 39,88%, no caso de peóns falecidos pola mesma causa. E é que o peón, como usuario máis feble da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos. Menor percepción ou percepción equivocada da súa contorna, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da ingesta de alcohol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.
Resultado da última campaña
Na última campaña deste tipo, desenvolvida entre o 16 e o 22 de novembro deste ano, nas estradas galegas realizáronse 11.049 controis de alcoholemia e 163 de drogas. Concluíron, respectivamente, con 132 e 68 denuncias.
Cambio de hábitos
A DXT detectou un cambio no comportamento dos condutores que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoholemia realizados nas estradas españolas na última década, pasándose dun 5,1% inicial a un 1,6% na actualidade.
En todo caso, a Delegación do Goberno quere advertir que esta evolución non significa que se eliminou o risco. O obxectivo, tanto desta campaña especial como dos controis ordinarios, é proseguir nesta liña descendente. A única taxa segura, recórdase, é o 0,0%.