Olalla Rodil afirmou que “a historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio” e sinalou que, dende Nós, Candidatura Galega, apostaremos pola aplicación e aprobación dunha lexislación da memoria de carácter estatal. “Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff” engadiu Rodil. Olalla Rodil estivo acompañada do múmero dous ao congreso, Xosé A Ledo, e da cabeza de lista ao senado, Rosana Prieto.
“A presenza de simboloxía da ditadura en, practicamente, todas as vilas e cidades deste país indica claramente que hai moito traballo por facer” afirmou Olalla Rodil e engadiu que “mentres pervivan, baixo o teito da legalidade e recibindo cuantiosas subvencións, organizacións como a fundación Francisco Franco quere dicir que o poder da ditadura segue influíndo nas vidas de todas nos a pesares deste aparente estado democrático no que nos queren situar”. Nunha xornada maratoniana Olalla Rodil participou nun acto informativo na feira de Chantada, visitou a tumba de O Piloto, e participou nun mitin na localidade de Ferreira de Pantón.