Lugo, 17 de decembro de 2015.- Olalla Rodil, candidata ao congreso, por Nós-Candidatura Galega anunciou que unha das medidas que defenderá en Madrid será a eliminación da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. “A imposición desta lei, polo PP, impide que os concellos atendan as necesidades das persoas” sinalou Olalla Rodil e explicou que os concellos galegos reciben do estado unha media de 204 € por habitante, mentres que a media do estado é de 253 € por habitante e ano “un agravio ao que hai que sumar o factor de envellecemento e dispersión poboacional que se da nesta provincia” afirmou Rodil.
A candidata de Nós-Candidatura Galega apuntou que, segundo un estudo da Universidade de Vigo para a FEGAMP, “o resultado é que dende a aplicación do novo modelo de finanzamento, o diferencial negativo en termos poboacionais entre o percibido polos concellos galegos e a media estatal está en torno aos 1.000 Millóns de Euros, o que amosa que o reparto prexudica de xeito inxusto e discriminatorio a Galiza”.
Olalla Rodil puxo como exemplo que “o concello de Málaga, que conta con 567.000 Habitantes, percibirá a mesma contía que os seis concellos maís grandes (A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e Pontevedra), que suman máis de 900.000 Habitantes” e informou que “o concello de Barcelona, pola súa banda, que ten 1,6 Millóns de habitantes, recibe o dobre da contía percibida polos 315 concellos de Galicia, que contan con 1 millón de habitantes máis”.
Para Nós-Candidatura Galega “ non é normal que os concellos menores de 5.000 habitantes, que son a maior parte dos da provincia de Lugo, perciban por efecto deste criterio 111 € por habitante mentres que a media do estado español está en 253 € por haibitante e ano”. Para os nacionalistas “hai que aplicar políticas que compensen este agravio e que lles permitan aos concellos galegos atender as necesidades básicas das persoas”.
Actos en Lugo, San Cibrao e Viveiro
Durante a xornada Olalla Rodil participou nun acto informativo, xunto con militantes, no entorno do HULA en Lugo e achegouse, pola tarde, á Mariña. A candidata de Nós-Candidatura Galega mantivo un encontro con membros do Comite de Empresa de ALCOA na factoría de San Cibrao e pola noitiña participou nun acto público no Salón de Actos do Conservatorio de Viveiro xunto con MONTSE PORTEIRO – candidata ao Congreso, ORLANDO GONZÁLEZ – candidato ao Senado e ex-alcalde de Mondoñedo e BERNARDO FRAGA – voceiro do BNG no concello de Viveiro.