Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Museística e o CENTRAD ofrecen obradoiros infantís polo “Nadal Cultural”

Lugo, 7 de decembro de 2015. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Xosé Ferreiro, presentaba este luns os obradoiros que se desenvolverán na Rede Museistica e no CENTRAD durante as datas de Nadal. Tal e como indicou Xosé Ferreiro, “a Área de Cultura da Deputación de Lugo, un ano máis, desenvolve o seu programa “Nadal Cultural” que vén cargado de actividades culturais por toda a provincia.”

Esta presentación “é só unha primeira parte do programa que desde a Área de Cultura temos preparado, que abrangue unha ampla programación de obradoiros dirixida a todos os públicos, que terán lugar nas dependencias da Rede Museística e do Centro de Artesanía e Deseño. Trátase dun amplo abano de actividades, exposicións e obradoiros para que todo o mundo poida gozar da cultura, tamén nas datas de Nadal”, indicou Ferreiro.

O Delegado de Cultura anunciou que “nos vindeiros días daremos a coñecer máis actividades, accesibles e abertas a todas as persoas, sempre pensadas para que públicos de todas as idades poidan participar das mesmas”, dixo.

Máis de 20 obradoiros nos Museos da Rede Museística no Nadal
Na Rede Museística desenvolveranse máis de 20 obradoiros ao longo do mes de decembro e a primeira semana de xaneiro, dirixidos a idades variadas: desde obradoiros infantís, a través do Clube Pequeamig@s, obradoiros para mozas e mozos, a través do Clube Ei! ata obradoiros para as e os máis maiores, a través do Clube Senior. “

“Serán obradoiros nos que as e os participantes interactuarán cos contidos dos Museos da Rede, nalgúns casos dun xeito moi actual empregando as novas tecnoloxías e as redes sociais coma o “Twitter”, entre outras, así como variadas disciplinas artísticas, desde a fotografía ata a pintura”, indicou o Delegado de Cultura.

Achegar a cultura e as tradicións artesanais galegas ás nenas e nenos a través de obradoiros no CENTRAD
Por outra banda, a Área de Cultura da Deputación de Lugo desevolverá tamén, a través do Centro de Artesanía e Deseño, unha ampla oferta didáctica, dirixida a un público infantil e vinculada aos 6 obradoiros existentes no Centro: traxe tradicional galego, cestería, tapizaría, instrumentos musicais, obradoiro do libro e obradoiro do moble artesán.

“Estas actividades buscan achegar a cultura e as tradicións artesanais galegas ás nenas e nenos, dándolles a coñecer o CENTRAD e contribuíndo a preservar e promover a artesanía tradicional, sendo as e os propios Mestres artesáns do CENTRAD quen impartirán os obradoiros”, indicou o Delegado de Cultura.

O horario dos obradoiros no CENTRAD será de 9:00 a 14:00 horas. Dividiranse en 2 quendas: a primeira quenda terá lugar o 21, 22 e 23 de decembro e contará cun total de 15 prazas para idades de 5 a 8 anos e con outras 15 prazas para idades de 9 a 12 anos. A segunda quenda terá lugar o 28, 29 e 30 de decembro, e a distribución de prazas será igual á exposta anteriormente.

Todas estas actividades son de balde e para participar as persoas interesadas deben poñerse en contacto coa Rede Museística ou co CENTRAD, dependendo do obradoiro ou obradoiros nos que teñan interese.

Aberto o prazo para que as e os artesáns se inscriban en “FEIREANDO”
Por último, o Delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, lembrou que “ata o 11 de decembro está aberto o prazo para que as e os artesáns se inscriban para participar na mostra de artesanía “FEIREANDO”, que durante o Nadal terá lugar na Praza de San Marcos e na que estamos a traballar para dotar dun interesante contido, tanto para os propios artesáns e artesás que finalmente participen na mesma como para o público en xeral”. Os formularios de inscrición atópanse no BOP do sábado, 5 de decembro, e deben presentarse, xunto coa documentación requerida, por rexistro na Deputación de Lugo.

Exit mobile version