30 de decembro de 2015.- O concello de Foz recibe este sábado, 2 de xaneiro, a Xira de Nadal 2015 dos Bolechas, patrocinada pola Televisión de Galicia e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A Caravana dos Bolechas estará no CEIP de Foz durante todo o día, de 12.30 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.30 horas.
Debido ao éxito do pasado ano, a Caravana de Nadal volve a incluír unha Tenda dos Bolechas onde se poderán adquirir todos os produtos da marca, entre eles os novos libros dos personaxes que levan un peluche de agasallo e que están a ser o gran éxito deste Nadal. Pero tamén estarán os libriños de formato clásicos dos Bolechas, o libro-disco, o curso de inglés, os novos tomos da Biblioteca Básica etc.
Por suposto, non faltarán Os Bolechas corpóreos, os enormes bonecos que causan sensación por onde van, que estarán presentes no CEIP de Foz a partir das 17.00 horas.
Sorteos entre todos os visitantes
Asemade, todos os que visiten a Caravana dos Bolechas e cubran a tarxeta que se facilita na mesma, entrarán no sorteo de dous regalos, que consistirán en dous cursos de inglés e dous lotes de libros dos Bolechas.
E entre todos os participantes na Xira de Nadal sortearase tamén un gran premio final consistente nun lote de cen libros dos Bolechas. Todos os sorteos realizaranse ao final da xira e serán publicados tanto na web da mesma, osbolechas.gal/xiradenadal como nas redes sociais dos Bolechas (Facebook e Twitter).
A Caravana de Nadal chega a Foz tras visitar Viveiro, Narón e As Pontes, e continuará o día 3 de xaneiro no pavillón de deportes de Verín e o día 4 no Campo da Barreira de Allariz.