Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destaca en Mondoñedo a relevancia da cooperación entre administracións para manter os Centros de Información á Muller

Mondoñedo, 7 de decembro de 2015.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este luns o Centro de Información á Muller de Mondoñedo, que presta servizo, ademais de Mondoñedo, aos concellos de Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto, o que reflicte a importancia da cooperación entre concellos para prestar así mellor servizo á cidadanía galega.

O vicepresidente da Xunta -que estivo acompañado na súa visita pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; pola delegada da Xunta en Lugo,Raquel Arias e pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, incidiu en que o Executivo autonómico está facendo unha clara aposta pola suma de esforzos e a prestación conxunta de servizos municipais, que se reflicte nas axudas en materia de igualdade. Neste sentido, citou ao Centro da Información de Mondoñedo como un exemplo de cooperación en materia de igualdade, o que se traduce nunha xestión máis eficaz dos recursos e nun maior beneficio para os cidadáns.

O Goberno galego apoia aos concellos galegos para que fomenten a igualdade entre homes e mulleres e contribúan a acabar coa violencia de xénero, un problema no que todos -institucións e cidadáns- debemos estar comprometidos. E o CIMs configúranse como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico e de orientación laboral e profesional, ás mulleres vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos e fillas

O CIM de Mondoñedo conta cun servizo de teletradución e tres traballadoras (directora, psicóloga, asesora xurídica e axente de igualdade) que o ano pasado atenderon a máis de 300 persoas e recibiron un total de 726 consultas.

Ademais, o Concello de Mondoñedo está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

Exit mobile version