Santiago, 5 de decembro de 2015.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, rematou as obras de rehabilitación do firme e ampliación da estrada Mondoñedo-Vilameá (LU-124), coa que se mellora o acceso dos veciños de Mondoñedo tanto cara a A-8.
Nesta actuación levouse a cabo a rehabilitación do firme no treito interurbano desde Mondoñedo ata Lindín. Por outra banda, entre o punto quilométrico 1+280 e o 5+540, realizouse a mellora e ensanche de plataforma, dentro do dominio público existente, ata alcanzar unha sección de 77 m. Tamén, executouse unha gabia tendida de seguridade nos tramos nos que era necesario executala e, así mesmo, adecuouse a sinalización e balizamento.
Seguidamente, desde o pk 5+540 ata o 8+800, enlace coa A-8 en Lindín, o Ministerio de Fomento xa acondicionara esta vía, deteriorada polas obras de execución da autovía A-8, polo que neste tramo só foi necesario realizar melloras na sinalización, balizamento e nas defensas. Esta obra complementouse cunha senda peonil, solicitada polo Concello de Mondoñedo, desde o punto quilométrico 1+310 ata o 1+760, á saída do núcleo urbano de Mondoñedo.
Con estas obras, axeitadas ao tráfico e requirimentos da estrada, compatibilizarase a mellora do tránsito en condicións cómodas e seguras cunha mínima afección para os veciños e veciñas da zona e dos que utilizan ese tramo para acceder á autovía do Cantábrico. A través deste tipo de actuacións, dótase aos concellos galegos dunhas infraestruturas viarias máis seguras e confortables para os usuarios.