O motivo da alegación radica no posible impacto do verquido destes materiais a 1.200 metros da Punta da Cruz en dirección norte, tal como se prevee no proxecto. Maiormente tendo en conta que nesa zona é onde se veñen verquendo os materiais dragados nos últimos anos.
Habida conta que a navegabilidade nas canles e na boca da Ría de Ribadeo sofreu un deterioro considerable nos últimos 30 anos, semella razoable sospeitar que un verquido dese volumen tan preto da Punta da Cruz poida ter un impacto significativo negativo sobre o calado nesa zona.
O Estudo de Impacto Ambiental que comentamos analiza outros posibeis impactos polo miudo pero non lle dedica atención ao estudo batimétrico da zona do verquido antes, durante e despois da intervención.
Pola nosa banda propoñemos que se estude concretamente este tema: o impacto do verquido sobre o calado e que se avalie a posibilidade de levar o verquido duas ou tres millas mais ao norte onde os calados actuais cáseque duplican os da zona devandita.
Compre suliñar que esta é a primeira vez que se fai un estudo de impacto ambiental para un proxecto de dragado e verquido e que nos anos anteriores temos denunciado estes verquidos repetidamente sen recibir resposta alguna das autoridades medioambientais galegas nen asturianas. Recentemente remitimos unha alegación ao Principado de Asturias polo proxecto de construir unha nova escollera no Porto Deportivo de As Figueiras, que sen dúbida vai provocar un incremento da sedimentación na canle que se proxecta dragar, pero non recibimos nen acuse de recibo.
Folga lembrar que os concellos, clubes deportivos e similares pasan amplamente.
Evaristo Lombardero Rico
Ribadeo, 29 de decembro de 2015