Site icon Crónica3.com A Mariña

“Apostamos por un modelo diferente para a campaña e por un modelo diferente para Galiza” dixo Olalla Rodil

IMG_3457Lugo, 7 de decembro de 2015.- A cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega, Olalla Rodil, presentou este luns en Lugo a bicicampaña coa que esta formación, da que forma parte o BNG, presentará as súas propostas na cidade de Lugo. Rodil dixo que “apostamos por un modelo diferente para a campaña e por un modelo diferente para Galiza”. Entre as propostas de NÓS-Candidatura Galega está “a dun cambio na concepción da mobilidade para facela máis sostible fomentando modelos de transporte intermodais entre as diferentes vilas e cidades deste país”.

A partir de hoxe, e durante o tempo que dure a campaña, as bicicletas de NÓS-Candidatura Galega terán presenza nas rúas e nos barrios lucenses. Olalla Rodil dixo que “a campaña de NÓS-Candidatura Galega vai sobre rodas” e aproveitou para manifestar o agradecemento a todas persoas que están a colaborar nesta campaña electoral “aportando tempo, traballo e esforzo”. NÓS-Candidatura Galega está a levar acabo unha campaña austera, baseada nas aportacións e colaboracións voluntarias e sen suscribir ningún crédito bancario.

Olalla Rodil dixo que “a mocidade galega ten que implicarse e participar das organizacións políticas por que o noso futuro vai a decidirse, en boa parte, en Madrid” e engadiu que “non se pode consentir que se continúen a facer políticas contra as persoas, os mozos e mozas temos que dicir: ata aquí chegamos”.

Exit mobile version