Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro agradece aos veciños da Mariña a confianza depositada no Partido Popular que “unha vez máis, foi a primeira forza política da comarca”

A Mariña, 21 de decembro de 2015.- O coordinador de campaña e secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro quixo este luns dar as grazas aos veciños da Mariña e, de xeito especial, aos 17.609 homes e mulleres que decidiron darlle a confianza ao partido nas eleccións xerais converténdoo, unha vez máis, na primeira forza política desta comarca.

“O Partido Popular volve a gañar as eleccións na Mariña lucense. De feito, os populares obtivemos a vitoria en 15 dos 16 concellos da comarca (todos excepto en Ourol, concello no que se quedamos a tan só tres votos do PSOE)”

Cos datos oficiais proporcionados polo Ministerio do Interior o PP obtivo o 42,52% dos sufraxios, fronte ao 26,56% do PSOE, o 17,76% de En Marea, o 5,81% de Cidadáns e o 4,68% de Nós (BNG)

Relevante distancia
Balseiro sinala que a candidatura popular foi a que maior respaldo electoral acadou na Mariña, cunha relevante distancia, respecto das forzas competidoras, de feito, o PP obtivo:

Case 16 puntos de diferenza sobre o PSOE (segunda forza)
Case 25 puntos de diferenza sobre En Marea (terceira forza)
Case 37 puntos de diferenza sobre Cidadáns
E case 38 puntos de distancia con Nós, a coalición electoral do BNG

Respaldo superior á media
Segundo Balseiro a fortaleza do proxecto do PP ten o seu reflexo en que na Mariña lucense conseguimos un respaldo superior que a media provincial (+0,02%), e maior que a media autonómica (cinco puntos máis) e estatal (trece puntos máis)

O coordinador de campaña destacou tamén os concellos nos que o PP obtivo maior respaldo electoral que son, por esta orde: O Vicedo (56,1%), Riotorto (53%), Mondoñedo (46,5%), Xove (46,5%), e Trabada (45,4%)

Comparativa coas municipais
Se ben o propio Balseiro sinala que os resultados obtidos son inferiores que os de 2011 (pois daquela estábamos falando dos mellores datos nunhas eleccións xerais), salienta que, se os comparamos coas últimas municipais (fai sete meses) “o PP aumenta en 1082 votos, fronte a un PSOE que cae 2.622 apoios e un BNG que perde máis de 7.600 votos”

Destacan as subas con respecto ás municipais en: Ribadeo (+1.023 votos), Viveiro (+ 1002 votos), Burela (+262 votos) e A Pontenova (+269 votos) onde as forzas da oposición non foron que de rendabilizar as alcaldías que conseguiron o pasado mes de maio.

Mención aparte merece o concello da Pontenova, cuxo alcalde é hoxe o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos. Alí o PSOE, resultou derrotado, pois o PP acadou a vitoria cun 42,2 % dos sufraxios válidos emitidos.

Felicitación a Jaime de Olano, único deputado da Mariña
Balseiro rematou asegurando que os populares responderán á confianza que lles outorgaron os veciños da comarca traballando desde o Congreso e o Senado, onde o PP obtivo maioría absoluta.

“Traballaremos pola gobernabilidade e a estabilidade. Daremos o máximo de nós porque a xente así o merece pois por riba de calquera interese partidista está o interese xeral”

Dixo tamén que, desde todas as administracións nas que teñen responsabilidade se esforzarán por mellorar estes resultados, “para que este apoio poida ser maior, porque estamos convencidos de que o noso equipo e proxecto é o máis sólido para A Mariña e para España”.

Por último, Balseiro felicitou e puxo en valor ao deputado mariñán no Congreso, o popular Jaime de Olano, que revalida o seu escano, e que se converte por dereito propio e apoio cidadá “na voz da Mariña nas Cortes Xerais”.

Exit mobile version