Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro: “Debe gobernar a lista máis votada, a que teña máis apoios dos cidadáns, porque iso é democracia”

Lugo, 07 de decembro de 2015.- O portavoz do GPP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou este luns que quen debe gobernar tralas eleccións do 20-D é “a lista máis votada, a que teña máis apoios dos cidadáns, porque iso é democracia”. Na súa intervención, Barreiro explicou que o único pacto que lle interesa ao PP é o pacto cos españois para poder seguir traballando na creación de emprego e benestar “como fixemos estes últimos catro anos”.

A continuación o líder do PP en Lugo sinalou que “España está perdida se prospera un pacto de perdedores; o pacto que xa están cociñando nos despachos PSOE, Ciudadanos e Podemos”. Neste sentido José Manuel Barreiro explicou as similitudes que teñen os tres partidos nos seus programas; “son máis que as diferenzas”, matizou Barreiro.

“En primeiro lugar ningún dos tres ten o emprego como prioridade”, subliñou. “Pero hai máis: queren acabar co pacto constitucional do 78 e abrir un novo proceso sen rumbo nin consenso e queren subir os impostos”. Aquí o portavoz do GPP no Senado puxo como exemplo a subida do IVE para o pan, o leite e os libros que propón Ciudadanos.

“Por iso, nestas eleccións máis que nunca cada voto é importante para conseguir manter a senda da recuperación económica e o benestar iniciada por Rajoy”, aseverou o candidato popular ao Senado por Lugo.

20 millóns de empregos en 2020
José Manuel Barreiro tamén fixo balance dos catro anos de goberno de Rajoy. Explicou que o primeiro logro foi evitar a creba e o rescate, “aínda que tivésemos que tomar medidas duras e impopulares para conseguilo”. Barreiro tamén recordou que esta lexislatura España deixou de ser o país europeo que máis emprego destruía para converterse no país de toda a UE onde máis postos de traballo se crean: un millón entre 2014 e 2015.

Neste contexto, o portavoz do GPP no Senado tamén falou de retos: “Agora o noso obxectivo é crear medio millón de empregos anuais para que 20 millóns de persoas teñan traballo en 2020”. “Alguén coñece algunha razón para crer que Rivera ou Sánchez van crear o emprego que pode crear Mariano Rajoy?”, preguntou José Manuel Barreiro. Recordou que para crear emprego non bastan as boas intencións: “diso van estas eleccións: a experiencia e a solvencia acreditadas de Mariano Rajoy fronte ás receitas dos debutantes”.

Para finalizar, Barreiro sinalou que fronte aos riscos que ameazan as nosas sociedades e as nosas liberdades, Rajoy é garantía de firmeza, determinación e de unidade de todos os demócratas.

Antes de participar neste acto en Viveiro, o candidato do PP ao Senado por Lugo estivo presente noutro encontro con afiliados en Foz, no que tamén participaron o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o alcalde focense Javier Jorge Castiñeira e a candidata número tres ao Congreso por Lugo, Mercedes González.

Exit mobile version