Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro: “Defendemos os valores de emprego, unidade e benestar, os mesmos que defenden a maioría dos españois”

Lugo, 13 de decembro de 2015.- O portavoz do GPP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou este domingo que “ninguén ten que sentirse alleo ao noso proxecto, porque defendemos os valores de emprego, unidade e benestar; os mesmos que defende a maioría do pobo español”. Barreiro fixo estas declaracións nun encontro con simpatizantes e afiliados no municipio de Cospeito.

O líder do PP de Lugo pediu o apoio a Mariano Rajoy para que “o despegue de España non quede a medias” e insistiu en que un pacto de perdedores poñería en risco todo o conseguido estes catro anos. Destacou que en 2011 o Goberno tivo que facer fronte “a unha herdanza anti social froito dos excesos do PSOE”.

Así mesmo, recordou que cos socialistas no goberno “as familias tiñan que soportar o peso de 1.400 parados ao día” e explicou que agora 1.500 persoas abandonan diariamente as listas do paro. “Sabemos que a creación de emprego é a mellor política social, de aí noso reto de lograr 20 millóns de ocupados en 2020”, matizó.

José Manuel Barreiro asegurou que “agora xa ninguén fala do rescate e a prima de risco” e destacou o valor do Goberno de Mariano Rajoy e o esforzo dos españois para conseguir evitalo. “Nos países rescatados as pensións baixaron entre un 10 e un 20%, con Rajoy garantíronse por lei e sempre van subir”. “De feito -continuou- hoxe a pensión media é un 11,5% máis alta que cando chegamos ao Goberno”.

Na súa intervención Barreiro tivo un recordo para as familias das vítimas dos dous falecidos en Kabul. Neste sentido explicou que para ser eficaces na loita contra o terror “é fundamental preservar a unidade dos partidos políticos e dos españois, así como a unión de todos os países do mundo”.

O candidato popular ao Senado por Lugo puxo de manifesto que o Partido Popular é un partido “que existe desde que a democracia veu a España” e que “naceu desde a base con equipos e persoas”. Por iso, afirmou José Manuel Barreiro, é o único “que pode ofrecer a seguridade e a certidume” que España necesita nestes momentos.

Barreiro animou a todo o mundo a “sumarse ao gran proxecto de futuro” do PP e de Mariano Rajoy o vindeiro domingo para “seguir crecendo e creando emprego con estabilidade e benestar”.

Ao finalizar, o presidente do PP de Lugo mantivo outro encontro con simpatizantes en Guitiriz. Antes, xunto coa o candidato ao Congreso pola provincia, Joaquín García Díez, participou nun coloquio organizado polas Novas Xeracións do PP na cidade de Lugo.

Exit mobile version