“Hai documentos e hemeroteca que o recollen”, apuntou o socialista. “Temos tantos exemplos que o que lles pedimos é un pouco de decencia, menos cinismo e menos mentiras”, xa que “en Lugo e en Galicia sabemos que foi o que se fixo coas infraestruturas ferroviarias. Foron paralizadas e anuladas polo goberno de Rajoy sendo ministra Ana Pastor”, dixo. “Foi a súa decisión anular todos os proxectos: a intermodal ou a paralización das variantes na zona de Sarria”, exemplificou.
“O PP hoxe non é garantía de cumplimento”
“En Lugo tamén recordamos ben cando no 2009 Feijóo prometía que se o goberno do Estado non facía a liña de AVE na provincia de Lugo a asumiría a Xunta. Basta de mentiras, de cinismo e díganlle á xente que é o que se pretende facer e que se cumpla, porque o PP hoxe non é garantía de cumplimento”, afirmou Besteiro.
O líder dos socialistas gelegos, xunto cos candidatos ao Congreso e o Senado, Margarita Pérez Herráiz e Ricardo Varela, e o presidente da Deputación, Darío Campos, mantivo unha reunión coas comunidades de montes en Trabada, na que lles trasladaron a aposta para solucionar “un dos principais problemas en Galicia, o do sector forestal”, no que Lugo é a principal provincia de Galicia, e que “ten unha potencia que se desaproveitou nos últimos anos”. Antes, os socialistas visitaron a feira da Pontenova, e posteriormente terán un encontro con militantes e simpatizantes en Burela, antes de acabar a xornada en Viveiro.