Besteiro lamenta a campaña “da mentira e o cinismo” de Feijóo no inicio de campaña en Lugo prometendo o AVE en tres horas desde Madrid. “Co actual ritmo inversor, nin en tres séculos”, afirmou o socialista, que reclamou un pouco de “decencia” e lembrou que Feijóo prometeu en 2009 que el asumiría o custo do AVE a Lugo desde a Xunta se non o asumía o Estado. “Aquí está, seis anos despois e coa desfachatez intacta”, afirmou. “Tres horas é o que tardan moitos lucenses para recibir radioterapia ou ser atendidos se teñen un infarto, e tres horas ás veces é o tempo que hai que perder para coller un tren ata A Coruña”, afeoulle Besteiro a Feijóo.
“Nós temos claro que o AVE non o paga a Xunta, que ten que pagalo o Estado, e tamén o ten claro Pedro Sánchez, que como primeira medida para Lugo recuperará os proxectos dos socialistas, como o da estación intermodal, que agora están enterrados”, dixo. “A primeira medida do PP de Rajoy, de Feijóo e de Pastor nada máis chegar ao goberno foi anular os proxectos do AVE e as infraestruturas que iniciamos os socialistas. Nin un proxecto novo. E cando orzamentan o planificado por nós, despois executan un 35%”, apuntou Besteiro. “As dereitas, a de Rajoy e a de Rivera, só utilizan Galicia para dicir que bonita é, que ben se come, que boa xente. Algúns ven Galicia desde a ponte aérea Madrid-Barcelona e cren que iso de pedir conexións de transporte de provincias é unha frivolidade”, asegurou.