Os da casa saíron a dar a sorpresa; xa nos compases iniciais Chino e Isi buscaron a Paco Sedano. Poucos segundos logo de cumprirse o primeiro minuto de xogo Dyego abriu o marcador pola escuadra a pase de Wilde. Non se deixaron amilanar os da Mariña, freando a xenialidade blaugrana e pelexando por atopar algunha fenda na imperturbable defensa do gran Barcelona. No minuto 7, os de Daniel Ibañes dispuxeron das súas primeiras oportunidades, dous balóns de ouro; Paco Sedano freou a embestida de Jorge, que se apoiou en Chano, tras saque de banda e pouco despois Antoñito, só ante o meta barcelonés, chegou tarde ao pase de Chano. Antes de chegar á medianía da primeira parte, Chino tivo nas súas zapatillas o empate, dentro da área corpo a corpo con Sedano, desde balón parado de Isi. No minuto 15, Aicardo dispuxo da mellor ocasión do Barcelona tras o gol; Edu, axudado polos paus, encargouse de desartellala. A tan só 19 segundos para o descanso, Aicardo en xogada de estratexia anotou o 0-2, desde Wilde.
No reinicio, logo dunha grande ocasión de Iago Rodríguez corpo a corpo co meta catalán, Lin ampliou a fenda a pase de Wilde (0-3, minuto 22). Segundos despois Jorge Bellvert intentou abrir a lata para os laranxas cun disparo desde a banda que se estrelou contra a madeira. A piques de cumprirse o minuto 25, a escuadra mariñá optou por xogo de cinco liderado por Iago Rodríguez. Non atopou a resposta esperada o conxunto laranxa; o sempre perfecto Barcelona Lassa aproveitou e chegou o cuarto, nunha recuperación que culminou Batería a porta baleira (minuto 27) desde propia pista. Pelexaron ata a extenuación os de Daniel Ibañes por conter a xenialidade das estrelas blaugranas, cun concienzudo traballo de Edu. Na recta final, Esteban subiu o definitivo 0-5 nun rexeite de Edu que petou en Hélder.
A liga de Primeira División LNFS volverá o venres 18. O Burela FS Pescados Rubén visitará a pista do UMA Antequera (21.00 horas) na última xornada da primeira volta.
Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Iago Rodríguez, Chano, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Antoñito, Jorge Bellvert, Hélder.
FC Barcelona Lassa: Paco Sedano, Tolrà, Dyego, Saad, Wilde, cinco inicial; tamén xogaron Aicardo, Lin, Batería, Ferrao, Juan Emilio, Esteban.
Goles: 0-1, minuto 1, Dyego; 0-2, minuto 19, Aicardo; 0-3, minuto 22, Lin; 0-4, minuto 27, Batería; 0-5, minuto 39, Esteban.
Árbitros: Del Pozo García // Múnez Carpintero (Madrid). Por Burela FS, amarela a Jorge Bellvert (minuto 7), Chino (minuto 9), Iago Rodríguez (minuto 19), Isi (minuto 34), Chano. Por Barcelona amarela a Saad (minuto 10)
Incidencias: Partido correspondente á 14ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre. Aforo completo.