A sala de radioloxía do servizo de Urxencias do Hospital da Costa, permanece pechada dende o día 2 de decembro por avaría dunha peza do aparello radiolóxico, sen que a día de hoxe, logo de mais de quince días, IBERMAN, a empresa encargada da reparación, fose capaz de solucionar dita avaría.
As consecuencias directas do peche da sala tradúcense nunha molestia para os e as doentes que teñen que ser trasladados cara a sala de radioloxía principal, nunha sobrecarga de traballo para o servizo que asume eses continuos traslados, e no atraso da atención as e os pacientes que demandan da atención Urxente.
A CIG-Saúde A Mariña xa denunciou en diversas ocasións o incumprimento sistemático do prego de condicións por parte da empresa Ibérica de Mantenimiento S.A, que dende xuño do ano 2013 se encarga do mantemento dos equipos de Electromedicina do Hospital da Costa, xa que incumpre os prazos para a reparación e substitución de equipos e non ten a disposición dos Hospitais os equipos ofertados para substituír en caso de avaría.
A CIG-Saúde apunta que antes da privatización deste servizo, cando as reparacións eran asumidas polos traballadores do servizo de mantemento do Hospital da Costa, a resposta na reparación dun equipo non se excedía mais alá de tres días, e cualifica de inaceptable o tempo de resposta (máis de 15 días) para solucionar a avaría dun aparello de diagnóstico dun servizo que presta atención sanitaria urxente.
Privatizar para beneficiar empresas afíns
A central nacionalista denuncia que o coa privatización do servizo de mantemento “desmantelouse un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel”.
Por iso, CIG Saúde A Mariña rexeita enerxicamente esta e toda privatización do patrimonio sanitario público “tendo claro que as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do PP por privatizar a sanidade pública sen outro fin que o de enriquecer a empresas amigas.