Site icon Crónica3.com A Mariña

Javier Castiñeira invita a simpatizantes, afiliados e veciños a asistir ao mitin deste luns ás 19 horas na Sala Bahía de Foz coa presenza de Feijoo

Foz, 7 de decembro de 2015.- O presidente dos populares focenses, Javier Jorge Castiñeira, amosou a súa satisfacción polo mitin que o Partido Popular celebrará na tarde deste luns ás 19 horas na Sala Bahía coa participación de Alberto Núñez Feijóo, José Manuel Barreiro, Mercedes González e o propio Castiñeira. Trátase dun dos actos centrais do partido na comarca da campaña para as eleccións xerais, segundo destacou o máximo responsable do PP en Foz.

“Dende o Partido Popular de Foz queremos lembrar a todos os simpatizantes e afiliados do PP, non só de Foz senón tamén do resto da Mariña, que hoxe temos unha cita importante na Sala Bahía ás 19 horas, un dos mitins centrais que fai o Partido Popular de Galicia na comarca. Temos un cartel excepcional e interviremos catro persoas moi representativas do PP: o presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do PP de Lugo e portavoz no Senado, José Manuel Barreiro; o que lles fala, o alcalde de Foz e presidente do PP de Foz; e a candidata ao Congreso dos Deputados, tamén focense e candidata pola Mariña, Merchi González. É un cartel importante, non creo que en moitos partidos poidan traer unha representación tan importante e representativa da nosa comarca”, asegura Javier Castiñeira.

O presidente do PP de Foz considera que “é un bo momento para dar conta a todos os veciños que se acheguen de catro anos de goberno e responsabilidade do Partido Popular nas diferentes administracións e, neste caso ao estar dentro dunhas eleccións xerais, da boa xestión e da responsabilidade de goberno do señor Rajoy. Estamos contentos, en Foz aínda máis, porque por primeira vez na historia temos unha candidata a representarnos no Congreso dos Deputados. Alí imos ter dous mariñáns entre os tres lucenses que representarán ao PP de Lugo. É unha honra que xente dende as concellerías, como Jaime de Olano e Merchi González, tanto na oposición como no goberno, que saben dos problemas de todos os veciños dende o contacto diario, sexan capaces de levar as mensaxes ás Cortes. Dende logo esa confianza que tivo o PP de Galicia en Foz queremos que sexa plasmada e todos aqueles simpatizantes, afiliados e aqueles que queiran achegarse a Foz están invitados a vir hoxe a un dos mitins centrais do PP na Mariña”.

Exit mobile version