Ribadeo, 29 de decembro de 2015. A Concellaría de Limpeza Viaria lembra aos veciños que o día 31 de decembro non haberá recollida de cartón e papel porta a porta. Jorge Díaz Freije, responsable da área, recomenda aos veciños e veciñas, aos locais comerciais e de hostalería que non deben deixar ese día papeis e cartóns diante dos seus establecementos posto que o servizo non estará operativo.
Do mesmo xeito, a Concellaría lembra tamén que na madrugada do 31 de decembro ao 1 de xaneiro non haberá servizo de recollida de lixo, ao igual que outros anos. Polo tanto, para evitar cheiros e mala imaxe, o edil pide aos veciños que saquen o lixo o máis tarde posible para evitar que estea moito tempo nos contedores.