O rexedor municipal explicou que “tanto dende o goberno do Concello de Foz como da Acia, que asistimos hoxe ao pleno da Deputación de Lugo onde se debateu a humanización das rúas Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña, un proxecto que está financiado pola propia Deputación, estamos moi contentos porque o resultado foi un apoio unánime, aínda que é certo que inicialmente o apoio deuno o grupo provincial do Partido Popular e o concelleiro non adscrito Manuel Martínez. Ante as dúbidas que provocou o grupo de goberno, do Partido Socialista e BNG, porque propoñían inicialmente deixar encima da mesa este asunto pois tiñan unhas dúbidas sobre o proxecto que foron totalmente aclaradas polo grupo provincial do Partido Popular, concretamente por parte do deputado Ginzo, que foi o portavoz nesta moción, finalmente votaron a favor todos os deputados”.
Javier Castiñeira destacou que “estamos satisfeitos porque agora mesmo xa é unha realidade que nos próximos orzamentos da Deputación ten que ir unha partida orzamentaria para iniciar xa os traballos na rúa Álvaro Cunqueiro; e tamén nese mesmo acordo vai a petición á Xunta de Galicia para que faga un esforzo similar ao que vai realizar a Deputación de Lugo para a avenida da Mariña; e o mesmo que ten que facer, por suposto, o Concello, que xa ten o compromiso por parte da Deputación de que así se fará. É un paso moi grande o que se deu pois, aínda que inicialmente creou certas dúbidas no debate deste asunto, ao final o equipo de goberno rectificou e todos os deputados provinciais entenderon que representan os intereses de todos os veciños de Foz e da Mariña, que ven que esta obra é importante para promover o comercio e o turismo dun pobo que, como dixo Manuel Martínez, é un referente turístico na Costa e polo tanto que hai que apoialo e así o fixeron ao final todos os deputados”.