Burela, 30 de decembro de 2015.- Este Nadal chamou a atención na vila burelá pola tardanza na que se levou a cabo a instalación do alumeado de Nadal. Cando na meirande parte dos concellos da mariña xa levaban días contando co típico dispositivo eléctrico destas datas, en Burela ninguén se explicaba que aínda nin se intuira esta montaxe. Non foi ata ben pouco antes da Noiteboa cando se procedeu á instalación de dito alumeado.
Para o portavoz da formación nacionalista “o alumeado de Nadal chegou tarde e mal, queremos saber canto nos vai custar aos veciños e veciñas de Burela, polo que revisaremos as facturas sobre este gasto que vaian na documentación do seguinte pleno ordinario”.
A parte destas consideracións, dende o BNG son conscientes do malestar no pequeno comercio, que é o que mais proveito tira do ambiente festivo, posto que consideran que competiron en inferioridade de condicións con outras localidades da contorna. “Sen entrar a valorar a estética do alumeado, que é unha cuestión subxectiva, si valoramos o malestar entre moitos propietarios de pequenos comercios pola tardanza dun alumeado que lles beneficia nesta campaña de Nadal e que non estivo funcionando dende o principio da mesma, co que isto pode supoñer a nivel de beneficios” sinalou Pillado.
Os nacionalistas pedirá explicacións polos horarios da Biblioteca Municipal
Coincidindo coas épocas nas que os estudantes, sobre todo universitarios, voltan á vila, comproban como o peche da biblioteca polas tardes lles supón un lastre á hora de preparar as probas nas que deben examinarse. Neste Nadal un grupo de rapaces e rapazas dirixiuse ó consistorio municipal para solicitar unha ampliación dese horario, básicamente que abrise polas tardes. A rocambolesca solución aportada polo equipo de goberno foi a concesión das chaves doutra dependencia municipal, unha aula da Casa da Xunventude, para que poidesen estudar alí.
Para o BNG está claro que esta non é solución, posto que existe persoal municipal que se ten que encargar de atender as instalacións.
“Primeiramente quero poñer en valor o esforzo deste grupo de estudantes, que, tendo xa abondo con atender a estudar, se movilizaron para buscar unha solución ó seu problema. Logo creo que non é xusto que se lles faga a eles responsables da apertura e peche, mentres coas instalacións deportivas, por exemplo, son os empregados municipais os que teñen que abrir e cerrar as mesmas, tamén nestas datas sinaladas” sinalou Pillado.
Para o portavoz municipal do BNG “o concello, co alcalde á cabeza, ten a responsabilidade de dar o mellor servizo posible e non pode delegar nin responsabilizar ós propios usuarios, posto que foron designados pola veciñanza para xestionar cuestións tan simples coma esta”. Por todo isto os nacionalistas van pedir explicacións acerca desta problemática, que xa se ven repetindo ó longo dos anos e semella que este equipo de goberno non ten intención de mudar.