Site icon Crónica3.com A Mariña

O director xeral de Pesca desprazarase a Bruxelas para seguir de preto as negociacións das posibilidades de pesca das frotas comunitarias para 2016

Santiago, 12 de decembro de 2015.- O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, estará en Bruxelas o luns e o martes da semana que vén para seguir de preto as negociacións que van ter lugar no seo do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, no que se debaterán e acordarán as posibilidades de pesca das frotas comunitarias para 2016.

Juan Maneiro estará en Bruxelas o vindeiro luns 14 e martes 15 de decembro, para coñecer de primeira man o alcance da xuntanza do Consello de Ministros, co fin de defender, na medida do posible, os intereses do sector marítimo pesqueiro de Galicia.

Nesta liña, cabe lembrar que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa participou previamente esta semana no Consello Consultivo de Política Pesqueira, antesala do Consello de Ministros da UE. Na reunión, a conselleira entregoulle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama) e á súa homóloga asturiana, María Jesús Álvarez González –que ostenta a representación das Comunidades Autónomas en Bruxelas este semestre-, un documento técnico que xustifica os argumentos da Xunta de Galicia para incrementar as posibilidades de pesca que propón a Comisión Europea para o vindeiro ano para determinadas especies.

O Ministerio comparte a postura defendida por Galicia e está disposto a empregala nas negociacións para complementar os seus argumentos, co fin de lograr incrementar as propostas feitas pola Comisión para especies de grande importancia para a frota española, especialmente para a galega.

Exit mobile version