Foz, 26 de decembro de 2015.- O Grupo Popular levará ao pleno do próximo martes unha moción na que insta ao Goberno da Deputación a que dote de financiamento, nos orzamentos de 2016, as obras para levar a cabo a humanización e impulso do comercio nas avenidas da Mariña e Álvaro Cunqueiro do concello de Foz.
Impulso comercial
Os populares puxeron en valor a importancia deste proxecto, que permitirá a creación dun espazo moderno, con capacidade comercial, que motivará a actividade empresarial, turística e cultural da localidade.
Estas rúas teñen unha idea orixinal de ser travesía de paso e de circulación de vehículos polo centro da localidade, relegando a un aspecto secundario o desfrute da vía urbana polo cidadáns. Deste xeito, a idea é a de conseguir un entorno á medida das persoas, gañando espazo para os peóns, mellorando o aspecto e permitindo unha maior potenciación do comercio, xa que estas dúas avenidas é onde se localizan unha gran parte dos comercios locais.
Forte aposta do Partido Popular
Elena Candia agarda que o Goberno bipartito apoie esta iniciativa plenaria xa que estamos ante unha petición “non só de todos os grupos políticos, senón tamén dos comerciantes e dos consumidores que ven con moi bos ollos o cambio de disposición. Non chegaríamos e entender que se lle dea as costas aos veciños de Foz”.
A voceira dos populares lembra que durante o Goberno do PP na Deputación demostrouse un claro compromiso con esta actuación e así no mes de agosto concedéuselle ao Concello de Foz unha subvención dirixida a colaborar no financiamento dos gastos de realización dos estudos técnicos e proxectos iniciais da obra de reforma coa finalidade de humanizar e impulsar o comercio nas referidas rúas.
Mediante resolución de alcaldía de 21 de outubro adxudicouse o contrato de servizos para a redacción de dito proxecto. Na actualidade, segundo explica o alcalde, os traballos de redacción atópanse nun estado moi avanzado, de feito, o borrador do proxecto xa foi presentado e convence á totalidade dos grupos políticos e aos veciños. “Agora é necesario acadar a dotación orzamentaria para a realización das obras e a Deputación de Lugo ten o deber por lei de colaborar cos municipios e dar solución aos problemas e ás necesidades dos concellos”, di Castiñeira.
Acordo plenario
Na iniciativa plenaria os populares tamén solicitan que se realice un convenio de colaboración administrativa co Concello de Foz para a cesión da titularidade do tramo da estrada provincial LU-P-2006 ao seu paso polo casco urbano de Foz.
De igual xeito, o Grupo Popular insta á Xunta de Galicia para que colabore economicamente, ademais de na reforma e remodelación en superficie das Avenidas da Mariña e Álvaro Cunqueiro, nas obras necesarias de instalación, reforma e renovación das redes municipais de servizos existentes, con especial referencia á separativa de augas pluviais.