Iago Fernández avanzou que estas son algunhas das medidas que o PSOE incorporou ao programa electoral nunha clara defensa dos autónomos, “piar fundamental da economía da nosa provincia”, así como do emprendemento como saída laboral.
Así o explicou nun encontro con novos emprendedores que están a piques de rematar a súa formación na primeira escola pública e gratuíta de horticultura ecolóxica de Galicia, que os gobernos socialistas na Deputación e no Valadouro puxeron en marcha neste Concello mariñao, para seguidamente poñer en marcha os seus negocios. Neste senso, Iago Fernández tamén explicou que o PSOE propón reducir os trámites e custos administrativos para a creación de novas empresas, facendo posibles que están se constitúan en poucos días.
Iago Fernández destacou que “é necesario avanzar cara o modelo doutros países da Unión Europea. Por exemplo, en Holanda, Francia ou Inglaterra a cota mínima dos autónomos é de 12 euros mentres que en España ascende aos 265 euros ao mes. Non é xusto que un autónomo que ingresa 3.000 euros ao mes pague o mesmo que ao que ingresa 500. A substitución da cota fixa para autónomos por cotas flexibles é unha medida imprescindible para protexer e manter miles de empregos, así como para xerar outros novos ao facilitar o emprendemento”.
O candidato salientou que a escola de horticultura ecolóxica do Valadouro é un claro exemplo da aposta do PSOE polo emprendemento como saída laboral. Dende a súa posta en marcha, recibiron formación 20 persoas, das que o 50% puxeron en marcha ou seus negocios ou están a ultimar os trámites para poder facelo. De feito, Iago Fernández visitou nun deles, xunto ao Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo.
Propostas do PSOE en apoio ao emprendemento e aos autónomos
Iago Fernández apuntou algunhas das medidas que o PSOE leva no seu programa en apoio ao emprendemento e aos autónomos:
-Unha medida de “segunda oportunidade” para os autónomos aos que non lles foi ben no seu primeiro proxecto, para que poidan beneficiarse de novo dos incentivos e apoios aos novos emprendedores, incluída a financiación de organismos, como os créditos ICO.
-Reestruturar o pago das cotas de maneira que poda facerse de xeito trimestral para axeitarse mellor ás actividades estacionais ou temporais.
-Reformar o sistema de pago de impostos pola actividade económica, establecendo un sistema de retención máis vinculado ao nivel de ingresos, e diminuíndo a retención nos tramos de ingresos máis baixos.
-A implantación dunha “Execedencia para emprender”, que animará a dar o paso aos traballadores que desexen emprender, mantendo a reserva do seu posto de traballo durante un tempo.