Site icon Crónica3.com A Mariña

“O sector gandeiro na Mariña podería crear moitos postos de traballo se os gobernos quixeran”, afirma Olalla Rodil

IMG_3967A Mariña, 13 de decembro de 2015.- A cabeza de lista ao Congreso por Nós- Candidatura Galega visitou na xornada deste domingo unha explotación gandeira en Barreiros, acompañada por outras persoas da candidatura e cargos do BNG, forza que se integra na coalición Nós; antes de participar nun acto público da candidatura en Foz.

Despois de manter un encontro con persoas produtoras de leite, Olalla Rodil non dubidou en afirmar que “o sector gandeiro na Mariña, aínda ten moitísimo peso e segue mantendo centos de familias; pero, de non ser polas políticas que o afogan, a súa potencialidade podería ser maior e falar dun sector que creara postos de traballo.”

“É incríbel que despois de todas as trabas que tiveron e siguen tendo, despois de obrigalos a mercar cota para poder adaptarse a un mercado común que se negociou pensando noutros lugares e noutros produtos; despois de que en marzo deste ano desapareceran as cotas, facéndolles perder o diñeiro investido e sen ningunha medida para paliar o seu efecto,… esta xente segue loitando por sobrevivir e seguir alimentando á poboación desde as súas explotacións, nun rural galego condenado a ser reserva turística segundo os plans da Unión Europea e os gobernos galego e español”, explicou Olalla Rodil. “Son auténticos heroes e heroínas as mulleres e homes que, pese a todo, manteñen vivas as parroquias alimentando non só ás súas familias, senón a moitas outras que, indirectamente, viven destes sectores”, afirmou.

Rodil recolleu as preocupacións dun sector lácteo que seguen vendo “como só hai palabras baleiras de quen ten a responsabilidade política de dar solucións”, afirmaron en relación a un acordo lácteo presentado hai un mes como a gran solución e que o único que conseguiu foi incrementar o prezo para as consumidoras e consumidores sen que iso repercuta nas produtoras. “Non pode ser que neste momento haxa persoas que teñan que poñer cartos dos seus aforros para chegar a fin de mes, porque o prezo que reciben é menor que o que lles costa producir.”
“Ninguén pode soster unha situación así e se os gobernos galego e español que teñen competencia, non poñen todo do seu lado para sentar ás empresas e lograr un prezo xusto, estarán condeando a centos de familias á miseria e a pechar explotacións punteiras, que fixeron grandes investimentos para adaptarse ás esixencias que lles marcaron no seu momento”.

A candidata de Nós esixiu un prezo mínimo para o leite que cubra os custos de producción. “Ao igual que se marca un salario mínimo para calquera traballo, as produtoras e produtores de leite tamén teñen dereito a recibir un prezo mínimo polo seu produto. Non se trata de pedir esmolas nin axudas, simplemente se trata de garantir que estas persoas poidan vivir dignamente do seu traballo”, afirmou.

Necesidade dunha forza galega para representar ao sector agrogandeiro
Desde Nós Candidatura Galega sinalan a importancia de contar con unha voz integramente galega para lograr que o peso que ten Galiza como produtora de leite se reflicta nos debates e, sobre todo, nas solucións que se poidan adoptar. “Non é de recibo que producindo o 40% do leite de todo o Estado, as produtoras e produtores galegos sexan os que menos cobran polo leite e que ninguén se escandalice sobre esta cuestión”, afirman.

“Os problemas das ganderías galegas só están na mente de quen ama e quere futuro para este País e esta comarca e Nós comprometémonos a seguir loitando para que o agro galego e mariñao teña futuro e sexa unha saída laboral, na que as persoas mozas poidan confiar para quedar nesta comarca e garantir o seu desenvolvemento”, concluíu a candidata.

Exit mobile version