O vello Castiñeira, arquetipo do home de mar,navegante por tódolo mares,curtido polo sol, os ventos e o salitre; auténtico lobo de mar. Consumado nadador, era un mergullador experimentado e a resistencia baixo as augas, excepcional; habilidade adquirida na mocidade, pola desembocadura do Missisipí, onde desembarcara dun buque de guerra para se dedicar en Nova Orleáns á colleita de ostras enrolado noutro barco.O seu pai, tamén navegante nestes mares, levaríase a gran sorpresa xa que se atopou alí con varios Castiñeira, entre eles un irmán, do que non coñecía o paradoiro. O seu avó fora capitán dun patache de vela e nel desasnaba a tódolos rapaces da familia, que aos 16 ou 17 anos marchaban polo mundo dirixíndose moitos a aquelas latitudes.
De volta en Foz, o noso personaxe seguiu dedicándose á pesca e a súa lancha era unha auténtica escola de pescadores. No ano 1946 foi encargado da vixilancia da praia. As obrigas do seu cometido serían vixiar con carácter de axente da autoridade que os bañistas non se metesen en zonas perigrosas, nen cometesen actos inmorais, e acudir coa urxencia requerida ó salvamento dos que se atopasen en perigro.A vixiancia realizarìase tódolos días de 8 a 21 horas, durante os meses de agosto e setembro. Percibía o xornal de 12 pts. diarias. Permañeceo nese labor uns 10 anos.
Lembramos con agarimo a estampa do patriarca, tenro e falangueiro, neneiro e un tanto soñador, servizal… Vixiante a bordo da lanchiña de remos “Marita”, nas súas expertas mans estaba a seguridade dos bañistas, para o que contaba cuns salvavidas na beiramar, colocados nunha especie de capeliña, rodeados por unha corda e unha inscripción que decía: “¡Respétame! ¡Puedo salvarte la vida!”
De vello chegoulle a Castiñeira o recoñecemento á vida dedicada ó mar en forma dunha homenaxe e a Medalla de Mérito ó Traballo.
O seu pasamento producíuse o ano 1958 aos 78 de idade.