Site icon Crónica3.com A Mariña

O venres 11 de decembro iníciase a campaña de Nadal do Centro Comercial Histórico de Viveiro

Viveiro, 7 de decembro de 2015.- O venres 11 de decembro iníciase a campaña de Nadal do Centro Comercial Histórico de Viveiro. As rúas estarán adornadas, do mesmo xeito que os pasados Nadais, con alfombras vermellas e abetos nas entradas dos comercios. Cada negocio decorará o seu abeto, botando man da imaxinación para dar un ambiente o máis navideño posible ás nosas rúas. Abetos que logo da campaña navideña serán replantados no Monte San Roque por nenos dos colexios da zona, dando máis vida ás nosas árbores.

Como novidade este ano as rúas tamén estarán ambientadas con panxoliñas, grazas á colocación de case 1 km de fío musical e máis de 40 altofalantes.

Tamén desde o venres 11, coas compras realizadas nos comercios asociados entréganse as papeletas para entrar no sorteo de 3 soldos de 1.200€ cada un en vales de compra, repartidos ao longo de 1 ano, serán 100€ ao mes durante 1 ano para cada un dos 3 agraciados. O sorteo realizarase o 3 de xaneiro do 2016 ás 20:30 horas na Praza Maior de Viveiro, e as papeletas iranse entregando ata ese mesmo día.

Ese mesmo día, en colaboración con cines Viveiro estrearase a película “Holy Night, Noite de Paz?”. A estrea será ás 18:30 horas e o Centro Comercial Histórico regalará 125 entradas. Como conseguilas? 2 horas antes da estrea colocaremos na Praza Maior a carpa da Asociación e a todos aqueles que se acheguen cun ticket de compra de calquera dos nosos comercios asociados por un valor de importe igual ou superior a 20€ regalámoslle unha entrada. Os tickets serán válidos coas compras realizadas do 7 ao 11 de Decembro, non se poderán acumular importes, daranse un máximo de 2 entradas por persoa ata fin de existencias.

Antes da estrea da película proxectarase o spot publicitario realizado polos comerciantes de Viveiro para promocionar as compras no comercio local.

Dentro das actividades da campaña de Nadal, contaremos desde o día 17 ata o 24, coa “Casiña de Papá Noel” instalada na Praza Maior, onde desde as 17:30 ata as 20:30 da tarde os nenos poderán gozar de Papá Noel, sacar fotos con el e levar unha chea de caramelos.

Desde o día 26 de Decembro e ata o 2 de xaneiro converterase na “Casita Solidaria”, en colaboración con Dignidad Viveiro recolleranse alimentos, roupa e xoguetes para entregar ás familias máis desfavorecidas. Os horarios en concreto serán os días 26,28, 29,30 e 2 de 11:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas, e o día 31 será só de 11:00 a 13:30 horas.

O comercio abrirá as súas portas os domingos 20 e 27 de decembro en horario de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, así como o 3 de Xaneiro neste mesmo horario.

Exit mobile version