Site icon Crónica3.com A Mariña

Récord da San Silvestre de Ribadeo con 650 inscritos

Ribadeo, 31 de decembro de 2015. Máis de 650 inscritos e 70 voluntarios participan este xoves en Ribadeo na San Silvestre 2015, que nesta nova edición contará con 4 carreiras para corredores de diferentes idades. O concelleiro de Deportes, David Rivas, asegura que as cifras desta San Silvestre baten os récords das anteriores.

O edil nacionalista sinalou que “a San Silvestre 2015 estase presentando como un éxito rotundo a nivel de inscricións, estamos superando a cifra de 650 participantes e batendo récords de calquera edición desta xa tradicional cita deportiva. Ademais, é de destacar que contamos con participantes non só de diversos puntos do Estado, como poden ser Madrid ou Sevilla, senón mesmo de Alemaña, temos dous participantes alemáns. A San Silvestre este ano vai estar dividida en catro carreiras, en función da idade dos participantes e da distancia. Empeza ás 16.20 horas para nenos e nenas de ata 3 anos de idade. Esta será unha carreira cortiña, entre a Oficina de Turismo e o Concello. Ás 16.45 horas empeza a carreira dos participantes entre catro e sete anos; ás 16.50 horas, a Milla, para rapaces de entre 8 e 11 anos e, xa ás 17.00 horas, iniciarase a San Silvestre en si, para maiores de 11 anos. Serán 5.000 metros con saída no parque de San Francisco”.

David Rivas lembra que “os percorridos están dispoñibles na web www. sansilvestreribadeo.wordpress.com e a recollida de dorsais será na Casa do Concello hoxe pola mañá entre as 11.45 e as 13.00 horas e de 15.00 a 16.15 horas pola tarde. Aquelas persoas que por calquera motivo non se inscribiran teñen a posibilidade de participar igualmente na San Silvestre e poden pasar a recoller o seu dorsal, pero non entrarían na clasificación porque o prazo para levar o microchip que logo se usa para as clasificacións e os premios rematou a semana pasada. Pero aínda que non estean inscritos poden achegarse ao Concello, recoller o dorsal e participar hoxe pola tarde na San Silvestre”.

O concelleiro de Deportes tamén aproveita para agradecer “ás mais de 70 persoas voluntarias que pasarán a tarde nos diversos puntos conflitivos, como poden ser cruces, e tamén ao longo do percorrido, que farán tamén que esta edición sexa un éxito a nivel organizativo”.

Exit mobile version