Lugo, 29 de decembro de 2015.- O deputado popular, Demetrio Salgueiro, considera que a proposta do Goberno bipartito provincial sobre xestión dos tributos municipais por parte da Deputación trae “o retroceso a San Marcos”. Os socialistas e nacionalistas optan por encarecer o servizo cando os populares promoveran durante o seu mandato que se ofrecese a custo cero.
Demetrio Salgueiro lembra que durante o Goberno popular realizamos todas as xestións oportunas e contabamos cos informes económicos e xurídicos favorables para garantir a xestión de recadación dos tributos municipais de xeito gratuíto. “Pese a contar cos informes favorables, os socialistas e nacionalistas, centrados só no seus intereses políticos, bloquearon este procedemento e impediron co seu voto en contra que a Deputación prestase este servizo a custe cero para os municipios”, recorda Salgueiro, e agora, “eles, pola contra, piden a percepción do 1% do recadado”.
Polo tanto, hoxe en sesión plenaria o Grupo Popular abstívose na proposta dos socialistas e nacionalistas, que promovía que a administración lucense percibise polo desempeño das funcións de xestión e recadación dos tributos municipais, o 1% dos xuros recadados en período voluntario.
Demetrio Salqueiro lamenta que con Darío Campos na presidencia da Deputación os concellos pasen a perder o 1% da súa recadación, “mentres que co PP recuperarían o 100%, porque gobernando nós nesta administración o custo para os concellos sería de cero euros”. O deputado popular dixo durante a sesión plenaria de hoxe que “non se entende que un alcalde prefira incautar a recadación aos concellos nun 1%”.
Por último, o deputado popular asegura que o seu Grupo cre “na necesidade de que se leve a cabo a prestación gratuíta deste servizo, xa que sería un importante pulo para todos os concellos da provincia ao implicar unha inxección de liquidez que superaría o 1,6 millóns de euros, e que posibilitaría aos concellos asumir as inversións necesarias para atender a todos os seus veciños. Seguirémolo intentando”.