Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, promociona a súa cidade como destino turístico na Casa de Galicia en Madrid

Candia, Romay  y ÓnegaMadrid, 20 de xaneiro de 2016.- “Mondoñedo como cidade turística” foi o lema da presentación realizada este xoves pola alcaldesa desta cidade lucense, Elena Candia López, na sé da Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, para promocionala turísticamente e dar a coñecer a súa riqueza cultural, patrimonial, artística e de natureza. A alcaldesa estivo acompañada polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, nun acto que presidiu o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e ao que acudiron destacados lucenses radicados na capital como os empresarios Francisco Cal Pardo e José Cerdeira, os xornalistas Jenaro Castro e Elías Rodríguez, os deputados Joaquín García Díez e Jaime Eduardo de Olano e o ex alto cargo do Ministerio de Agricultura Francisco José Simón Vila.

Ónega declarou a súa admiración por Mondoñedo, ó que cualificou de “un símbolo, unha referencia, un amor” e recordou algúns dos seus lugares emblemáticos e dos seus fillos ilustres. Tamén Romay enxalzou a importancia da cidade, da que dixo que lle recordaba á súa Betanzos natal, coa que comparte algunhas das súas peculiaridades: foi capital do antigo Reino de Galicia, teñen importantes cascos históricos, festas locais e belezas naturais, das que destacou no caso de Mondoñedo a súa afamada Cova do Rei Cintolo, así como a beleza de toda a comarca da Mariña lucense.

A alcaldesa referiuse aos atractivos turísticos que o municipio estructurou en seis produtos nos que ofrece diversas actividades aos visitantes: Arte e literatura, coa figura de Cunqueiro como faro literario e a de Pascual Veiga no ámbito da música; Historia e Arqueoloxía, que afunde as súas raíces na prehistoria e no que destaca o conxunto histórico-artístico arredor da Catedral; Artesanía, tradición que se mantén viva no barrio dos Muiños; Natureza, con lugares de interese paisaxístico e importantes covas, entre as que destaca a Cova do Rei Cintolo, a máis grande das visitables de Galicia e, en palabras de Candia, “unha verdadeira viaxe ao centro da terra”; o Camiño Norte, destacando que a de Mondoñedo é a última catedral desta ruta antes de chegar á de Santiago; e Gastronomía, na que destacou de entre unha ampla oferta de produtos a Tarta de Mondoñedo.

Candia tamén resaltou na promoción da cidade a celebración da feira tradicional As San Lucas que se celebra, desde 1156, o 18 de outubro e puxo en valor o mercado medieval que ten lugar no casco histórico de Mondoñedo, na praza da Catedral, o segundo sábado de agosto.

Exit mobile version