Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellería de Medio Ambiente substitúe en Burela os colectores en mal estado

colectores-burelaBurela, 25 de xaneiro de 2016. A Concellería de Medio Ambiente procede estes días a substituír os colectores que se atopan en mal estado, co obxectivo de mellorar o aspecto da vila, segundo informa Noelia Mª Ben.

A edil socialista explica que “dende a Delegación de Medio Ambiente estamos a reforzar nalgúns puntos e substituíndo os colectores en mal estado, para intentar mellorar o aspecto do noso pobo”. Estes días actuouse nas rúas Castelao, Rosalía de Castro e Arcadio Pardiñas.

Noelia Mª Ben subliña que “en breve imos comezar unha campaña de concienciación da necesidade de reciclar lixo a través da radio, de talleres, de charlas, de dípticos, xa que seguimos detectando que aínda hai moita xente que non sabe separar o lixo correctamente, sobre todo atopamos moitos impropios no colector amarelo”.

A concelleira de Medio Ambiente indica que “todos sabemos que os envases de plástico deposítanse no colector amarelo, pero o que non temos tan claro é qué cousas se consideran envases. Como norma xeral considérase envase de plástico a calquera produto de plástico que se utilice para conter, protexer, manipular, distribuír e presentar mercadorías, dende materias primas ata produtos acabados. Por exemplo: botellas de plástico que conteñan bebidas ou alimentos, envases de produtos lácteos, vasos, pratos e cubertos de plástico, tapas e tapóns de plástico, botes de plástico de produtos de aseo e de produtos de limpeza, bolsas de plástico, envoltorios, tapas dos envases do iogures, papel de aluminio, bolsas de redecilla, e tarrinas de plástico”.

Exit mobile version