Concurso de traslados
A mesa sectorial tratou este martes tamén a convocatoria de concurso de traslados no curso 2015/2016 entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da administración educativa e inspectores de educación.
O texto da convocatoria adáptase á última xurisprudencia ao respecto, é dicir, ás sentenzas referidas ao concurso de traslados convocado para o curso 2013/2014, que ratificaban a decisión da Consellería de contabilizar os méritos obtidos en situación de interinidade. Neste sentido, modifícase unicamente o subepígrafe 1.1.2, referido á puntuación por cada ano como persoal funcionario de carreira en situación de provisionalidade. O cambio precisamente refírese a que só se contabilizará esa provisionalidade – neste subepígrafe concreto, é dicir, para os que participen no concurso desde a situación de provisionalidade- ao persoal “funcionario de carreira” (con praza en propiedade) e non ao persoal “funcionario” (en xeral, incluíndo aos interinos), como se facía na de 2013.
En calquera caso, os servizos do persoal funcionario interino seguiranse contabilizando ao abeiro dos subepígrafes 1.1.1, 1.1.3, 1.2.1, 1.2.2 e 1.2.3, referidos á antigüidade no centro e no corpo, así como no apartado 4, relativo ao desempeño de cargos directivos e outras funcións.
Ademais, como situación excepcional, este ano convocarase un concurso autonómico aberto á entrada de persoal de outras Comunidades Autónomas, debido a que non o poideron facer no anterior concurso nacional, dadas as sentenzas arredor do devandito proceso do curso 2013/2014.
Orde de permisos e licenzas
Na mesa sectorial deste martes tratouse, finalmente, a orde para actualizar a regulación dos permisos, licenzas e vacacións do persoal docente, co fin de adaptala ao establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Este punto continuará debaténdose a próxima semana, xa que este martes non foi posible por mor de falta de tempo.
En calquera caso, a Administración educativa informou aos sindicatos da súa decisión de manter como xustificadas as ausencias por indisposicións ou enfermidades leves non superiores a tres días, sempre e cando se achegue a pertinente xustificación documental.