Site icon Crónica3.com A Mariña

Estradas do Estado en Asturias considera que deben custear a iluminación da A8 na ponte dos Santos os Concellos de Castropol e Ribadeo

Ribadeo, 8 de xaneiro de 2016. A Demarcación de Estradas do Estado en Asturias ven de rexeitar a petición realizada desde Ribadeo e desde Castropol para que sexa a administración estatal a que asuma o custe do alumeado da Autovía do Cantábrico, ao seu paso pola Ponte dos Santos. O alcalde, Fernando Suárez, critica esta actitude e advirte que “como donos que son desa infraestrutura tamén son responsables das incidencias que ocorran nela, debido á deficiente iluminación pública, e dos danos materiais e persoais derivados destas deficiencias, dos que non poden agocharse cun simple non é cousa nosa”. O rexedor agarda máis sensibilidade por parte da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Suárez Barcia lembrou que “aló por setembro do ano pasado, o pleno desta Corporación, así como o do Concello de Castropol, adoptamos un acordo unánime para pedirlle ao Ministerio de Fomento que se faga cargo da iluminación pública da Ponte dos Santos, infraestrutura da que é titular e responsable, para garantir a seguridade das persoas e vehículos que diariamente transitan por ela”. E contou que “hai poucos días recibimos a resposta ao acordo anterior por parte da Demarcación de Estradas do Estado en Asturias. Nesta resposta, sen entrar no fondo do asunto, que debería ser a seguridade das persoas que transitan por unha ponte da súa titularidade, simplemente se rexeita a petición da totalidade da representación dos veciños de Ribadeo e Castropol aludindo a un acordo preexistente con ambos concellos para que estes asuman a iluminación pública”.

O alcalde dixo que “con independencia de que puideran existir no pasado remoto acordos que aduce este enxeñeiro xefe que asina o escrito, o certo é que a normativa mudou moitísimo dende aqueles tempos. Como lle dixemos no seu momento a través do acordo plenario que tan alegremente rexeitan agora, dende que entrou en vigor a lei 27/2013, que restrinxe e redefine as competencias das entidades locais, di que é imposible que un Concello asuma estes custos, xa que o seu ámbito de actuación se limita neste campo aos de infraestrutura viaria e outros equipamentos da súa titularidade, e dende logo que saibamos, a Ponte dos Santos non é de Castropol nin de Ribadeo. Coa excepción en todo caso que delegaran expresamente a competencia en nós, acompañada do correspondente financiamento, cousas que non acorre coa ponte en cuestión”.

Fernando Suárez subliña que “como xa lles advertimos, como donos desa infraestrutura que son, son responsables das incidencias que ocorran, entre outras cousas, pola deficiente iluminación pública. Hai que ter en conta tamén que nin o ancho da beirarrúa nin a disposición das reixas de seguridade cumpren as mínimas normas de deseño para a cómoda e segura circulación dos peóns. Dende logo, os danos persoais e materiais que poida haber non se poden agochar un simple non é cousa nosa, como din eles. Porque se din que non é cousa súa, imos estar moi atentos a calquera incidente que poda ter lugar na Ponte dos Santos, derivados da súa actitude incomprensible, para esixir en todos os ámbitos, incluído o xudicial no seu caso, as responsabilidades que procedan, e para o cal nos imos quedar, entre outros, cos datos dos encargados de asinar a resposta que se fixo chegar a esta Concello”.

O alcalde remitiulle unha carta á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para informalo do acontecido. Fernando Suárez agarda máis sensibilidade que a amosada pola súa homóloga en Asturias.

Exit mobile version