“Como Presidente da Deputación de Lugo, estou moi satisfeito da colaboración que vimos mantendo con APSNAIS; unha entidade que naceu en 1966 para dar solución á incomprensión e ao illamento no que vivían daquela a maioría das persoas con discapacidade intelectual, especialmente no rural”.
“Durante anos, as persoas con discapacidade intelectual viviron recluídas nunha infancia permanente, e os seus dereitos como cidadáns non sempre foron recoñecidos. Por sorte, os avances sociais e as políticas que trouxeron os Gobernos progresistas, brindáronlles a oportunidade dunha maior autonomía”.
“Sen embargo, nos últimos anos, sufrimos continuos recortes en políticas sociais, dando axigantados pasos atrás no eido social. A brutal tixeira social foi unha grande dificultade, sen dúbida, a maior sufrida nas últimas décadas. Pero non foi un impedimento para que os profesionais, voluntarios e familias de APSNAIS continuásedes coa voso traballo”.
O Presidente subliñou que “dende hai 8 anos, temos un compromiso claro e decidido polos avances sociais, pola igualdade e a integración. Estamos orgullosos das nosas colaboracións sociais, como a cesión gratuíta das instalacións do antigo hospital San José á ASPNAIS; pois permitirá duplicar as vosas prestacións, ao tempo que pon en valor o patrimonio público, dándolle unha utilidade social”.
“Considero que todas as administracións debemos recoñecer as cinco décadas de incesante traballo de ASPNAIS, implicándonos na mellora e ampliación dos vosos servizos e, en definitiva, na mellora da calidade de vida das vosas familias. Creo que é de xustiza facelo”.
Campos Conde brindou a APSNAIS a colaboración permanente da Deputación e salientou que “estou seguro de que xuntos, administracións e familias, conseguiremos responder a unha das maiores demandas actuais da cidadanía: a xustiza social e a equidade. Unidos recuperaremos o noso dereito de ser tratado todos por igual, respectando as nosas diferenzas”.
Colaboración da Fundación TIC
Durante a gala proxectouse un vídeo de 14 minutos elaborado pola Fundación TIC no que usuarios, familiares, monitores e membros da directiva dan resposta, coa súa testemuña directa, a varias preguntas sobre a asociación: que é Aspnais, quen son os “chicos” de Aspanais e cal é o futuro da organización. A TIC tamén realizou dous spots, un en galego e outro en castelán, para dar unha maior difusión ao labor que desenvolven os talleres ocupacionais.
Estes traballos audiovisuais forman parte do convenio asinado entre o organismo dependente da Deputación e Aspnais co obxectivo de apoiar o importante labor social que desempeña esta ONG. A TIC colabora con máis 150 asociacións culturais, deportivas, agrupacións veciñais e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia.