Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece aos Concellos axuda técnica gratuíta para solicitar os obradoiros de emprego

080116depu-xuntagobA Xunta de Goberno deste venres aprobou unha proposta para que a Deputación de Lugo preste dende a Área de Promoción Económica e Social, que é a que conta con dinamizadores laborais e axentes de desenvolvemento local, asesoramento técnico e administrativo gratuíto aos Concellos co obxectivo de que poidan concorrer aos obradoiros de emprego da Xunta de Galicia. Este mesmo venres, o organismo provincial enviou unha comunicación aos municipios para darlles conta desta prestación. O organismo provincial tamén concorrerá a esta convocatoria. O prazo remata o 30 de xaneiro.

Novidades sobre o Centro de Recría
Na sesión acordou a creación dunha comisión técnica que elaborará a necesaria memoria sobre aspectos sociais, xurídicos e financeiros para a posta en marcha do Centro de Recría. Profesionais e académicos de recoñecido prestixio no sector gandeiro formarán parte da mesma. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, avanzou que a comisión técnica formarase de xeito inmediato e a memoria estará lista nun prazo de 2 meses.

“Un dos principais obxectivos desta comisión é a elaboración dun estudo de mercado para que os custos do primeiro centro de recría de gando vacún público en España sexan os máis competitivos. É dicir, para que verdadeiramente estas instalacións públicas aforren cartos aos gandeiros pola recría, cumprindo co fin para o que naceron”, remarcou García Porto.

A creación da comisión técnica e a elaboración da memoria sobre o centro de recría é unha obriga legal previa para levar ao Pleno Provincial a proposta de aprobación do modelo de xestión do Centro de Recría.
O prego de cláusulas que rexen a súa xestión pública xa foi aprobado pola Xunta de Goberno do 22 de maio. Tal e como explicou García Porto, para garantir a participación directa dos gandeiros na xestión do centro de recría, “posto que entendemos que son os profesionais que mellor coñecen o sector e, polo tanto, máis rendibilidade lle poden sacar a estas instalacións”; no prego establécese a obriga dos posibles adxudicatarios de contar coa participación directa dos gandeiros a través de entidades de economía social (cooperativas, SATS, etc).

Xestión pública fronte á privada
Fronte ao modelo de xestión pública que defende o Goberno Provincial, a vicevoceira desvelou que “o PP avoga por un modelo privatizador sobre o que non deu conta, pois Candia quería facer unha concesión demanial. Isto conleva que a Deputación se desvincule totalmente da xestión e control do centro unha vez adxudicada a xestión”.

Ben Empregado

A Xunta de Goberno resolveu a contratación de 3 desempregados lucenses que comezarán a traballar noutras 3 empresas da provincia co Ben Empregado. Son perfís que quedaron desertos e que se cobren a través do INEM. Trátanse dun cociñeiro, un peón gandeiro e un especialista en montaxe de cubertas.

Exit mobile version