Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña presenta este xoves en Fitur as súas propostas e paquetes turísticos para o 2016

A Mariña, 20 de xaneiro de 2016. Este xoves, ás 11.30 horas, terá lugar en Fitur o acto de presentación das propostas e paquetes turísticos da Mancomunidade de Municipios da Mariña. O seu presidente, Alfredo Llano, considera que “vendendo a comarca como produto único os 16 concellos que a conforman sairán beneficiados”.

Llano contou que “imos presentar como destino único A Mariña, porque pensamos que temos que defender esta comarca coma un ente moi vivo, atractivo e oportuno para que todos os turistas que queiran aproximarse ata aquí poidan facelo”. O presidente da Mancomunidade dixo: “hai que ter en conta que queremos dar unha imaxe da comarca moi positiva, para que os que se acheguen ata aquí veñan co propósito de pasalo ben e de sorprenderse coa paisaxe, a comida, a artesanía, entre outras cousas. Temos moito que ofrecer e este ano temos valores engadidos como o paso pola comarca da Volta Ciclista a España e o recoñecemento mundial que recibiu o Camiño Norte”.

Alfredo Llano aposta “por un turismo sostible, por un turismo que visite A Mariña durante todo ano e non só no verán. Para iso hai que ofrecer propostas que sexan atractivas para as familias, para as persoas que veñan co obxectivo de que poidan marchar moi relaxados de aquí. Os 16 Concellos que conformamos a comarca pensamos que podemos ofrecer o mellor que temos. Vendendo A Mariña como produto único e en conxunto todos os Concellos sairán beneficiados”.

O presidente da Mancomunidade sinalou que “mañá, xoves, teremos a nosa presentación ás 11:30 horas. En media hora venderemos a nosa comarca e as súas excelencias e tamén o paquete turístico slow, que agardamos que dea resultado. Neste 2016 queremos ver e observar e procurar que A Mariña o vindeiro ano estea máis potenciada e teña maior dimensión. A nosa comarca ten un potencial grandísimo en moitos sectores, e no turismo tamén e temos que mellorar de cara a vindeiras edicións de Fitur”.

Exit mobile version